A Xunta destina 400.000€ para que unhas 150 Anpas promovan programas de igualdade e de prevención da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de apoios para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero no eido escolar promovidas polas Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas)

Poderán financiar actuacións de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa 

Esta iniciativa inscríbese no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Multimedia

A Xunta destina 400.000€ para que unhas 150 Anpas promovan programas de igualdade e de prevención da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas a iniciativa de Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas). 

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas con 400.000 euros, ampliables en función das necesidades, co que poderán chegar unhas 150 asociacións. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 3.000 euros se é de carácter individual; ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

O Goberno galego quere contribuír á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.

O obxectivo da convocatoria consiste en atender a demanda de cantas máis entidades mellor. En 2020, un total de 106 Anpas de centros educativos sostidos con fondos públicos recibiron estas axudas.

Ao abeiro desta orde poden financiarse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral. 

Entre as actuacións concretas, apóiase a celebración de escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade; obradoiros de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos. Tamén a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías e sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que permitan avanzar na eliminación dos estereotipos e dean pautas para previr a violencia de xénero e sobre como actuar ante casos de agresións.

Dado o actual contexto de pandemia, entre os gastos subvencionables inclúense os relacionados co material de protección contra a covid19, que resulten  precisos para o desenvolvemento das actividades na modalidade presencial. 

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.