A Xunta destaca que o VIII Plan de Igualdade 2022-2027 conta con 900M€ e oito eixos estratéxicos para que “ninguén quede atrás” no camiño fronte ás discriminacións

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe por videoconferencia no evento #AprendeIgualdad promovido polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP)

O Plan, con maior contido económico e carácter máis ambicioso, outorgará máis estabilidade e sostibilidade ás políticas autonómicas de igualdade ao contar cun horizonte temporal de seis anos de vixencia e cunha avaiiación intermedia

  •  A Xunta destaca que o VIII Plan de Igualdade 2022-2027 conta con 900M€ e oito eixos estratéxicos para que “ninguén quede atrás” no camiño fronte ás discriminacións
  •  A Xunta destaca que o VIII Plan de Igualdade 2022-2027 conta con 900M€ e oito eixos estratéxicos para que “ninguén quede atrás” no camiño fronte ás discriminacións

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo hoxe en valor o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 na súa intervención por videoconferencia no evento #AprendeIgualdad promovido polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP).

A secretaria xeral sinalou que o Plan, dotado con maior contido económico e con carácter máis ambicioso que o predecesor, outorgará máis estabilidade e sostibilidade ás políticas autonómicas de igualdade ao contar cun horizonte temporal máis amplo que o predecesor, seis anos de vixencia fronte aos catro anteriores. O reto é, en palabras de López Abella, avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos.

“Constitúe un instrumento guía que marcará o rumbo das políticas de igualdade no horizonte 2027, con 900 millóns de euros”, indicou, ao tempo que precisou que inclúe oito eixos estratéxicos para que “ningúen quede atrás na nosa aposta pola igualdade”. Apuntou, ao respecto, que o lugar de residencia e o medio de vida non pode representar un obstáculo engadido á desigualdade estructural que sofren as mulleres. “Para iso impulsaremos políticas públicas que incidan de maneira especial na eliminación dos obstáculos que agravan as desigualdades para as mulleres rurais e do mar”, subliñou.

O documento conta con oito ámbitos específicos, entre os que López Abella salientou o  dedicado á educación para a igualdade e prevención das violencias contra as mulleres para reforzar a coeducación como instrumento de transformación para acabar coas desigualdades. “A administración educativa debe xogar un papel fundamental e, por iso, este Plan inclúe liñas de acción baseadas na realización de actuacións dirixidas á comunidade escolar para a prevención da violencia de xénero e de comportamentos e actitudes sexistas, con especial atención á violencia de xénero dixital”, sinalou.

Tamén referiuse aos restantes eidos específicos nos que o Plan incide como son a aposta pola empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, co reto de eliminar os desequilibrios de xénero no ámbito laboral, con especial énfase no emprendemento innovador; as mulleres na ciencia e na investigación, co fin de configurar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade e aproveite o talento feminino; ou a promoción da conciliación e corresponsabilidade no uso dos tempos, que ten como obxectivo avanzar cara un cambio cultural no uso dos tempos que permita a mulleres e homes compaxinar en igualdade a esfera privada coa profesional.

Outros dos eixos estratéxicos do Plan son a promoción da igualdade de oportunidades para as mulleres rurais co reto de eliminar os obstáculos que representan unha dobre discriminación para as mulleres rurais e do mar; e o impulso do apoderamento, sororidade e participación social das mulleres, co que se pretende conseguir a intervención plena das mulleres e incrementar a súa presenza nas esferas de poder e influencia.

Por último, destacou a importancia de promover políticas sectoriais para o benestar, a cohesión social e o reto demográfico co fin de asegurar o benestar integral das mulleres na súa diversidade; e de levar a cabo accións de intervención para a erradicación da violencia de xénero para conseguir o rexeitamento social da violencia e garantir unha resposta institucional efectiva para a atención das vítimas.

O VIII Plan estratéxico, dotado cun orzamento de 935,5 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características elaborado pola Xunta, ten como reto, en definitiva, avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos.