A Xunta destaca o papel fundamental das universidades para conseguir un maior equilibrio entre homes e mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC

Agradeceu que o xurado tivese en conta as políticas de igualdade e que exista un premio na categoría “Muller emprendedora”, dotado con 2.000 euros

A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, indicou que para a Administración é un reto que os estudantes contemplen o emprendemento como unha alternativa atraínte para o seu futuro profesional

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC  Autor: Conchi Paz
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC  Autor: Conchi Paz
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC  Autor: Conchi Paz
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC  Autor: Conchi Paz

Santiago, 17 de xuño de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na entrega dos premios do XV Concurso de proxectos empresariais innovadores da USC, nos que destacou o papel fundamental das universidades para conseguir un maior equilibrio entre homes e mulleres.

López Abella explicou que as actuacións desde a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde ás necesidades actuais. Por iso, agradeceu á USC que un dos criterios de valoración dos proxectos por parte do xurado fora o de ter en conta as políticas de igualdade e que exista un premio na categoría “Muller emprendedora”, dotado con 2.000 euros.

A secretaria xeral tamén lembrou que desde a Xunta se aposta por fomentar as iniciativas empresariais promovidas por mulleres e baseadas en fórmulas de promoción do autoemprego, xa que resultan eficaces para a xeración e o mantemento dos postos de traballo. Igualdade conta neste ámbito con varias liñas de actuación, entre as que destaca o programa Emega.

O programa Emega, para o fomento do emprendemento feminino, se vén desenvolvendo exitosamente co obxectivo de dar apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

Dende o ano 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade leva investidos neste programa arredor de 3,8 millóns de euros, o que permitiu crear case 500 postos de traballo feminino en Galicia. “Son, por tanto, medidas que no contexto actual cobran especial relevancia, polo que resulta obrigado fomentalas por parte da Administración”, concluíu López Abella.

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, indicou que para a Administración “é un reto conseguir que a opción do emprendemento se contemple polos estudantes como unha alternativa atraínte para o desenvolvemento do seu futuro profesional e laboral”.

Neste sentido, Bouso explicou que a Consellería de Traballo e Benestar conta co programa de axudas ás ‘Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica’ con unha rede de axentes de emprego con especialización nestas iniciativas de emprego, persoal consultor de apoio e un comité consultivo integrado por un grupo de persoas expertas para a avaliación técnica dos proxectos, “mecanismos estes, que pretenden garantir o irrenunciable carácter innovador e tecnolóxico das iniciativas presentadas ao abeiro deste programa”.

Ademais, engadiu que o departamento autonómico “conta tamén cunha batería de incentivos que comprenden as axudas á creación de emprego estable, as subvencións pola contratación de expertos técnicos de alta cualificación, axudas en atención ao custo de funcións xerenciais externas ou axudas económicas para o inicio e posta en marcha da actividade”.


Proxectos Empresariais Innovadores

O XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores está organizado pola USC, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, e conta dende o seu inicio coa participación activa da Xunta de Galicia.

O obxectivo do concurso é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados e licenciadas ou investigadores e investigadoras, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

Entre a vintena de proxectos que se presentaron nesta edición, só catro fixéronse co galardón. “Nostracker” na categoría Promoción da Lingua Galega; “Situm Technologies, S.L” no de Empresa de Base Tecnolóxica; “Qubiotech, Health Intelligence, S. L.” como Empresa Xove; e “ADICA” na categoría de Muller Emprendedora.