A Xunta destaca a importancia do deporte para contribuír á concienciación da igualdade entre mulleres e homes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na recepción no Concello de Marín de O Fisgón Futsal, onde resaltou que as súas xogadoras e a súa adestradora son referentes para a mocidade

Marín (Pontevedra), 8 de xullo de 2020.-

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da colaboración do ámbito do deporte na loita por acadar unha igualdade real entre mulleres e homes. Así o sinalou hoxe en Marín durante a recepción ofrecida polo Concello ao club de fútbol sala O Fisgón Futsal, na que tamén sinalou o apoio ofrecido desde a Xunta para promocionar o deporte feminino.

Alfonso Rueda incidiu en que o deporte transmite á sociedade valores moi importantes como o traballo en equipo, a dedicación e o esforzo. Por iso, considera fundamental tamén a colaboración dos clubs deportivos para educar e concienciar á mocidade na igualdade de xénero para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

“No deporte feminino temos acadado moitos avances pero quedan pasos por dar que precisan de apoio ”, explicou o vicepresidente da Xunta, que afirmou que “aínda que cada vez hai máis mulleres que practican deporte e equipos femininos en competicións importantes hai que seguir a traballar na súa promoción”.

Ademais, engadiu que tanto as xogadoras de O Fisgón Futsal como o seu equipo técnico son referentes para a sociedade e o feito de que grazas ao seu traballo poidan aspirar á categoría máis alta do fútbol sala contribuirá tamén a que outras mulleres as teñan como exemplo.

Tamén resaltou o compromiso do equipo co deporte base e, nesta liña, O Fisgón Futsal conta con apoio do Plan Social de Ence impulsado coa Xunta, no marco das axudas ás categorías de base dos clubs deportivos da provincia de Pontevedra para participar nas súas competicións.


Tema: