A Xunta destaca a importancia de promover o protagonismo feminino na toma de decisións no medio rural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na Estrada no I Foro Construíndo en Feminino organizado pola asociación Mulleres Rurais Avelina Valladares

Sinalou a aposta da Administración autonómica por dar á muller rural un recoñecemento social, económico e institucional

Considerou fundamental incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural

A Administración autonómica traballa para dar máis visibilidade ao labor da muller rural a través do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020

  •  La Xunta destaca la importancia de promover el protagonismo femenino en la toma de decisiones en el medio rural
  •  A Xunta destaca a importancia de promover o protagonismo feminino na toma de decisións no medio rural

A Estrada (Pontevedra), 15 de outubro de 2020.-

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na Estrada a importancia de dar á muller rural un recoñecemento social, económico e institucional e afirmou que a Xunta está a traballar para promover o protagonismo feminino na toma de decisións no medio rural.

López Abella sinalou no I Foro Construíndo en Feminino, organizado pola asociación Mulleres Rurais Avelina Valladares, que “Galicia non se entende sen o rural, nin as súas mulleres” e, por iso, apuntou que a Administración autonómica está a desenvolver medidas para dar máis visibilidade ao labor da muller rural, a través do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020. A iniciativa inclúe, entre outras, actuacións encamiñadas ao desenvolvemento profesional das mulleres rurais como motor de dinamización demográfica e crecemento económico e ao fortalecemento do movemento asociativo feminino.

A secretaria xeral da Igualdade explicou que o Plan tamén avoga por reducir a fenda dixital de xénero e por apoiar o empoderamento das mulleres rurais e a súa incorporación ás estruturas de decisión dos sectores económicos agrario, gandeiro e pesqueiro. Neste senso, considerou fundamental incentivar a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e de desenvolvemento rural. “As organizacións agrarias, as cooperativas e os grupos de desenvolvemento rural deben contar cunha presenza feminina en órganos directivos acordes coa realidade das mulleres rurais”, engadiu.

López Abella, para rematar, afirmou que para mellorar a situación das mulleres rurais é importante entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego. Asegurou que é necesario seguir desenvolvendo medidas para impulsar a súa capacidade para emprender e promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para fomentar o uso das TIC.

O I Foro Construíndo en Feminino celébrase con motivo do Día Internacional da Muller Rural co que se pretende visibilizar a importancia que merece a achega económica, social e cultural que desenvolven as mulleres nas zonas rurais de todo o mundo.