Tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller
Santiago, 20 de maio de 2014. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se convocan axudas aos traballadores que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos ou fillas menores de tres anos.
Esta liña de axudas ten coma obxectivo apoiar a asunción de responsabilidade familiares por parte dos varóns e contribuír á desaparición dos estereotipos sobre a diferente disposición de homes e mulleres a asumir o coidado dos fillos e fillas menores.
Neste contexto, as axudas de Igualdade supoñen un apoio económico para aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral a estes efectos, considerando que esta medida favorece tamén a permanencia no mercado laboral das mulleres traballadoras con responsabilidades familiares. Ademais dos varóns, as axudas tamén poden ser solicitadas por familias monoparentais, con independencia de que a persoa responsable da unidade familiar sexa un home ou unha muller.
Poden solicitar as axudas as persoas que se atopasen en situación de redución da xornada entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013, polo coidado de fillos ou fillas biolóxicas ou ben adoptadas ou en situación de acollemento familiar, permanente ou preadoptivo.
O orzamento destas axudas ascende a 440.958 euros, e a contía que poden percibir as persoas beneficiarias vai dos 1.600 aos 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao seu cargo.
Desde o ano 2007 no que Igualdade iniciou esta liña de axudas, un total de 1.172 homes obtiveron axudas á redución da súa xornada laboral. Deles, 683 eran da provincia da Coruña, 368 de Pontevedra, 64 da de Lugo e 57 de Ourense. Nese mesmo período, obtiveron tamén estas axudas 407 mulleres, nais de familias monoparentais. Delas, 192 eran da provincia de Pontevedra, 167 da Coruña, 28 de Lugo e 20 de Ourense.