A Xunta convida aos centros educativos a participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25-N, Día contra a violencia de xénero

A Xunta abre hoxe e ata o 15 de novembro o prazo para que o alumnado de centros de primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais presenten os seus traballos

O xurado terá en conta, como criterios de valoración, a transmisión de mensaxes claras en contra da violencia, a orixinalidade e calidade e a participación activa do alumnado nas propostas

Pódense presentar carteis, cómics, debuxos, ilustracións, curtas, videoclips, flashmobs, videopoemas ou pezas de danza, entre outras modalidades

O Goberno galego pretende, con este certame, promover unha reflexión nos centros educativos galegos e fomentar o rexeitamento público a esta lacra

Multimedia

A Xunta convida aos centros educativos a participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25-N, Día contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021.-
 
A Xunta de Galicia convida ao alumnado galego de centros de ensino non universitario a participar no concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. A páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade recolle as bases da convocatoria coa que se pretende enviar unha mensaxe rotunda do non á violencia de xénero e contribuír a que se faga unha reflexión ao respecto.
 
O concurso está aberto aos estudantes do ensino non universitario de centros galegos que imparten educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais.
 
Poden presentar os seus traballos de xeito individual ou en equipos constituídos por un docente e un máximo de 8 persoas, procurándose a representación equilibrada de alumnos ou alumnas. Priorizarase que a elaboración das imaxes gráficas e pezas audiovisuais formen parte dun traballo global, que integre a sensibilización e a valoración crítica da resposta colectiva ante a violencia de xénero.
 
A organización establece tres categorías de participación. A primeira é a representada polo alumnado de 5º e 6º e educación primaria, 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e de educación especial. A segunda recibirá os traballos que presenten estudantes de 3º e 4º de ESO, de 1º e 2º de Bacharelato, e de FP básica, de grao medio e de ciclos de grao superior. Resérvase a 3º categoría aos rapaces e rapazas que cursan ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño.
 
A Xunta admitirá traballos que consistan no deseño dunha imaxe gráfica ou pezas audiovisuais. No primeiro caso, deberá presentarse un traballo eminentemente gráfico, cartel, cómic, ilustración, debuxo, etc. Na modalidade audiovisual, admitiranse curtas, videoclips, performances, flashmob, danza, videopoemas, textos recitados...
 
Cada centro só poderá presentar un traballo en cada unha das categorías e modalidade de participación que deberá incluír a frase 25 de novembro. Día Internacional contra a violencia de xénero así como un lema en galego relacionado coa temática.
 
A Consellería de Emprego e Igualdade convida aos centros a realizar as súas propostas que inclúan mensaxes claras e rotundas que permitan facer unha reflexión sobre a violencia de xénero. A través das mesmas, deberá poñerse o foco na prevención, na detección precoz e na intervención contra esta lacra. O obxectivo non é outro que o de contribuír a amplificar o non á violencia de xénero, facéndoo chegar a todas partes.
 
O prazo de entrega das participacións permanecerá aberto ata o próximo 15 de novembro ás 15,00 horas.
 
O xurado, que estará configurado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista terá en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte á lacra. Tamén atenderán á calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.
 
A Xunta concederá dous premios por cada categoría e modalidade. Consistirán nun cheque regalo para investir no comercio local para cada unha das persoas integrantes do equipo gañador valorado en 100€ e 50€ respectivamente para o primeiro e o segundo postos, así como un lote de libros para o centro representado.
 
Os traballos que resulten gañadores poderán ser utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do 25-N, ou en calquera outra acción de sensibilización contra esta lacra.
Para máis información, os centros poden dirixirse a: asesoria.igualdade@edu.xunta.gal e vx.igualdade@xunta.gal. Tamén contactar por teléfono: 881 997 598 / 981 545 361.
Tema: