A Xunta concienciará contra a violencia cibernética con atención especial a mulleres e menores

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe en Lalín (Pontevedra) un curso de verán sobre educación sexual e violencias organizado pola Universidade de Santiago e o concello pontevedrés

Defendeu o reforzo na difusión de medidas de apoio e recursos para as mulleres vítimas da violencia de xénero

Multimedia

A Xunta concienciará contra a violencia cibernética con atención especial a mulleres e menores

Lalín (Pontevedra), 12 de xullo de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe en Lalín o curso de verán XVI Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Feminismos- Masculinidades- Educación Sexual- Violencias-Coeducación da Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lalín onde remarcou a necesidade de reforzar os mecanismos para previr a violencia cibernética.

A secretaria xeral anunciou que a Consellería de Emprego e Igualdade reforzará a información acerca dos riscos no uso de medios tecnolóxicos cara a evitar a violencia cibernética. Incidirá nos colectivos máis vulnerables a este tipo de situacións, como os menores de idade e as mulleres.

Segundo un informe sobre o impacto de xénero da covid-19 e medidas a adoptar para paliar e corrixir as desigualdades entre mulleres e homes elaborado pola Xunta, durante a pandemia as mulleres, a adolescencia e a nenez, viron incrementados os riscos de sufrir violencia cibernética (sexting, grooming, ciberacoso...) debido a maior utilización de medios virtuais como alternativa ante as restricións de movemento.

“Unha adecuada atención das vítimas require que estas mulleres coñezan de primeira man os recursos cos que contan para poder romper co círculo da violencia que as mantén unidas ao agresor, máis aínda ante situacións extraordinarias como as vividas e orixinadas pola covid-19”, incidiu Susana López Abella. A Xunta mantén un compromiso “necesario de reforzar a promoción de mecanismos de difusión e acceso a información aos recursos dispoñibles para as vítimas de violencia de xénero”, engadiu.

López Abella valorou positivamente, por outra banda, que Galicia teña iniciado a modificación da Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, para incluír esta nova modalidade de violencia.