A Xunta colabora un ano máis co programa `Enrédate´ de atención a mulleres con discapacidade no rural

Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade, destaca a colaboración conxunta con grupos como a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e o traballo da Consellería de Emprego e Igualdade en favor da inclusión das mulleres en situación de vulnerabilidade

O Goberno galego apoia con 20.742 euros a terceira edición do programa `Enrédate´, que ofrece atención personalizada a mulleres con discapacidade en núcleos de baixa poboación na Coruña e Pontevedra

É de interese para o Executivo galego o imprescindible impulso á muller rural e a súa participación social, política e económica na súa contorna

  •  A Xunta colabora un ano máis co programa `Enrédate´ de atención a mulleres con discapacidade no rural
  •   A Xunta colabora un ano máis co programa `Enrédate´ de atención a mulleres con discapacidade no rural
  •   A Xunta colabora un ano máis co programa `Enrédate´ de atención a mulleres con discapacidade no rural

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, ven de manter un encontro coas representantes da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar), no que salientou o traballo conxunto que realiza o Goberno galego a prol da integración e valorización da muller con discapacidade.

O Goberno galego renova este ano a súa colaboración con Acadar coa terceira edición do programa Enrédate, cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade e o Fondo Social Europeo. Esta iniciativa proporciona unha atención personalizada e especializada ás mulleres con discapacidade residentes en núcleos de baixa densidade de poboación das provincias de A Coruña e Pontevedra. A iniciativa, gratuíta, ten como meta a emancipación, tamén, da muller rural e con discapacidade potenciando as súas capacidades para poder desenvolver unha vida máis autónoma e independente.

En concreto, dito programa focalízase neste ano onde a crise ocasionada pola covid-19 impactou na realidade das mulleres con discapacidade, con situacións de violencia e pobreza nos fogares, os trámites telemáticos ou na priorización das persoas enfermas do novo coronavirus na atención médica, dando apoio á eliminación de barreiras e a igualdade de oportunidades a través do acompañamento a estas mulleres e o traballo en equipo. O programa pon o seu esforzo na mellora das habilidades comunicativas, na atención psicolóxica e mellora da autoestima, a comunicación e creación de rede entre as propias mulleres e a identificación das situacións de violencia, entre máis obxectivos.

Accións deste tipo son de interese para o Executivo galego, que financia a terceira edición deste programa con 20.742 euros. Así mesmo, a Xunta mantén colaboración con 61 entidades que desenvolven programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cun investimento de 1,4 millóns de euros onde se financian axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas, así como para as mulleres pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre máis supostos.

Accións como esta son mostra do constante compromiso da Xunta coa muller e, sobre todo, coas mulleres pertencentes aos colectivos expostos, as de máis vulnerabilidade, apostando así por unha igualdade de xénero transversal e empoderadora da muller en todos os eidos.