A Xunta clausura o programa Impulsa que deu formación a 181 mulleres sobre novos enfoques laborais dirixidos a sectores emerxentes

 A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, clausurou hoxe o programa Impulsa de fomento do empoderamento e liderado feminino no que participaron mulleres en activo, desempregadas, autónomas e emigrantes retornadas

Coa formación, a Consellería de Emprego e Igualdade axudou a mellorar a empregabilidade feminina e orientar ás participantes cara a sectores con futuro

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.-

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, clausurou hoxe de xeito virtual o programa formativo de empoderamento e liderado feminino Impulsa, no que 181 mulleres participaron para  mellorar a súa empregabilidade e conducir a súa cualificación e adaptala ás necesidades dos sectores emerxentes.

Lado destacou a necesidade de encamiñar ás mulleres galegas cara ao liderado axudándoas a buscar “novas perspectivas, novos enfoques, implicación en sectores emerxentes e un posicionamento na realidade firme, resistente e resiliente”. “Esas son as calidades necesarias para podernos asentar e mirar cara ó futuro”, remarcou.

A formación impartiuse en modalidade virtual desde o pasado de marzo, conformada por obradoiros, masterclasses, equipos de traballo, sesións de networking e grupos de acción para abordar as novas perspectivas do mercado laboral e dar a coñecer novos enfoques de emprego e autoemprego.

Con temas de tendencia como a Silver Economy (dirixida ás persoas maiores ), a economía circular o turismo rexenerativo, o programa aportou recursos e ferramentas ás usuarias.

Un total de 181 mulleres participaron nesta actividade, 76 delas persoas en activo, 85 en situación de desemprego, 8 emigrantes retornadas e 12 mulleres autónomas.

Por medio desta iniciativa, a Xunta persegue incorporar ás participantes ao proceso de cambio e aprendizaxe en áreas persoais e profesionais, e brindarlles recursos e ferramentas o crecemento profesional e persoal.

A directora xeral animou ás participantes a emprender novos camiños profesionais tras “comprobar o interese” pola proposta e o aproveitamento que desta actividade realizaron as participantes. “É un orgullo saber que fomos capaces de darvos as ferramentas e de axudarvos a descubrir as vosas propias capacidades para emprender”, dixo Lado.

 
Tema: