A Xunta chama en Arzúa a fomentar no rural galego o emprendemento feminino desde a innovación

Seis de cada dez novas iniciativas en Galicia están lideradas por mulleres, o nivel máis alto desde 2009

  •   A Xunta chama en Arzúa a fomentar no rural galego o emprendemento feminino desde a innovación
  •  A Xunta chama en Arzúa a fomentar no rural galego o emprendemento feminino desde a innovación

Arzúa (A Coruña), 11 de marzo de 2020.

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada ‘Mulleres Innovadoras no Rural’, na que informou das axudas e programa do seu departamento para o desenvolvemento de iniciativas empresariais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Arzúa na xornada Mulleres Innovadoras no Rural, un encontro no que informou das axudas do seu departamento ao emprendemento feminino, e no que puxo do manifesto o protagonismo adquirido polas mulleres no liderado de proxectos innovadores no rural.

Conde apelou a incentivar a innovación e o talento 4.0 no entorno rural para xerar emprego de calidade, modernizar o modelo produtivo e contribuír a fixar poboación, e felicitou o traballo das emprendedoras femininas para este cometido. Así, destacou que o seu labor que “contribúe a transformar o rural con proxectos disruptivos, innovadores e emprendedores”. O conselleiro apuntou á necesidade de fortalecer o rural con iniciativas dixitais xa que, nos últimos 10 anos, só un 20% das actividades emprendedoras levouse a cabo neste ámbito.

As asistentes a este encontro encabezan proxectos innovadores no rural en sectores como o agroalimentario ou o biotecnolóxico. Na xornada participaron María Álvarez e Chusa Expósito, de Cosmética Muuhlloa; Edurne Sendra, do proxecto Fiablone; Sofia Rodríguez, de Natural Smart Beauty; Bibiana Rodiño, fundadora do Grupo Tecnolóxico Arbinova; María del Pilar Veiga, de Bisqato; Carme Pampín, directora executiva de Galchimia; Marta Álvarez, promotora de Granxa Maruxa; Teresa Martínez, de Dronfit; Eva González, de Veigas de Sabugueiro; Cristina Fernández Armesto, socia do proxecto Casa Grande de Xanceda; Elena Pernas e María Ignacia Cevallos, da iniciativa Minervas Voice; e Luz Divina Castelo, administradora de Champivil.

O titular de Economía, Emprego e Industria afirmou que a Xunta traballa para fomentar ese modelo de emprendemento, destacando o programa InnovaPeme, pensado para cubrir custos de innovación das empresas, cunha convocatoria aberta ata o vindeiro 20 de abril; e tamén a iniciativa Galicia Rural Inviste.

Seis de cada dez novas iniciativas galegas están lideradas por mulleres, o nivel máis alto desde 2009, unha cifra á que hai que engadir que Galicia é a terceira Comunidade cun maior volume de emprendemento feminino, cun 6,43%, por riba da media nacional. Sen embargo, Conde matizou que aínda queda traballo pendente no fomento das vocacións STEM entre as máis novas.

Durante a súa intervención, Conde incidiu na necesidade do consenso entre os axentes clave do sector para formular solucións útiles que potencien tanto o emprendemento feminino galego como o emprego de calidade, asegurando que contribuirá a avanzar no equilibrio laboral entre homes e mulleres e na potenciación da igualdade no entorno profesional.