A Xunta avoga por garantir unha atención especializada ás mulleres vítimas de violencia sexual

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, renovaron a colaboración para levar a cabo un programa de intervención con mulleres vítimas de violencia sexual

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, renovaron a colaboración para levar a cabo un programa de intervención con mulleres vítimas de violencia sexual
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, renovaron a colaboración para levar a cabo un programa de intervención con mulleres vítimas de violencia sexual
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, renovaron a colaboración para levar a cabo un programa de intervención con mulleres vítimas de violencia sexual

A Coruña, 14 de febreiro de 2020.

  • Alfonso Rueda destacou a necesidade de apostar por iniciativas específicas para loitar contra a violencia sexual coma a da fundación, xunto con outras actuacións de prevención e tratamento da violencia de xénero.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o centro de asesoramento e psicoterapia da Fundación Meniños na Coruña, onde asinou coa súa directora, Mónica Permuy, a renovación da colaboración para executar un programa para atender a mulleres vítimas de violencia sexual. Á visita tamén acudiron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Alfonso Rueda incidiu na necesidade de apostar por iniciativas coma este programa da Fundación Meniños para loitar de forma específica contra a violencia sexual e garantir unha atención especializada ás vítimas. A iniciativa lévase a cabo nas catro provincias galegas, no marco do desenvolvemento das medidas en Galicia dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O programa da Fundación Meniños ten como destinatarias mulleres vítimas de violencia sexual ás que se lle ofrecen, a través de profesionais especializados, recursos terapéuticos adaptados a cada caso que posibiliten e melloren a súa recuperación integral. A atención esténdese tamén aos seus familiares e persoas do seu entorno, sempre baixo o consentimento da vítima, que cumpran un papel imprescindible na recuperación, así como os equipos profesionais da rede que traballa coa vítima, como profesionais de centros de acollida ou persoal sanitario.

Para conseguir a recuperación das vítimas, a intervención combina metodoloxías distintas como a intervención en crise, a psicoeducación, as técnicas de regulación emocional, o afrontamento cognitivo ou a revinculación da vítima co seu contorno.

O vicepresidente da Xunta incidiu na necesidade de traballar con recursos especializados para erradicar a violencia sexual e, ao mesmo tempo, levar a cabo actuacións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Neste ámbito, referiuse, entre outros, a programas de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas vítimas da violencia de xénero como o de intervención terapéutica para estes casos, que tamén executa a Fundación Meniños en colaboración coa Xunta.

Neste sentido, Rueda destacou que “é moi importante lanzar esta mensaxe para que ningunha muller que poida estar sufrindo violencia machista teña ningunha dúbida de que a administración está facendo todo o posible, que ten recursos para atendelas e que non ten que pasar por esa situación nin un minuto máis pensando que non vai ter quen a axude”.