A Xunta avoga pola inclusión do teletraballo nos plans de igualdade das empresas para a mellora da conciliación e da corresponsabilidade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada Teletraballo; unha nova realidade, organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) na cidade lucense

Destacou os recursos públicos da Consellería de Emprego e Igualdade para fomentar o teletraballo entre os que se inclúen apoios para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia

A Xunta incrementou este ano nun 30,6% o programa de axudas destinado a promover entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

Multimedia

A Xunta avoga pola inclusión do teletraballo nos plans de igualdade das empresas para a mellora da conciliación e da corresponsabilidade

Lugo, 22 de setembro de 2021.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en Lugo a importancia de fomentar o teletraballo para, entre outros, impulsar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal. Na xornada Teletraballo: unha nova realidade, organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), expuxo os recursos dos que dispón a Administración autonómica para apoiar o teletraballo e sinalou a influencia desta modalidade laboral na conciliación.
Mancha iniciou o seu relatorio destacando a aposta e as iniciativas da Xunta para mellorar os índices de igualdade de xénero na sociedade, en xeral, e nas empresas, en particular, e sinalou a importancia dos plans de igualdade nas compañías que poden incluír o teletraballo como medida para a mellora da corresponsabilidade.
A directora xeral indicou que, por iso, a Xunta aposta polo teletraballo e, ao respecto, detallou as dúas liñas de axudas coas que conta a Consellería de Emprego e Igualdade para impulsar esta modalidade laboral.
Así, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa). Estes apoios incrementaranse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Ademais, para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), finánciase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumenta nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.
Estas dúas liñas de axudas forman parte dun programa de apoios destinado a promover entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A Xunta incrementou este ano o orzamento desta iniciativa nun 30,6%, polo que contou con máis de 2,6 millóns de euros de investimento.
O programa, ademais de apoios para o teletraballo, inclúe axudas para impulsar a flexibilidade horaria nos centros de traballo (10.000 euros por firma), apoios para a elaboración de diagnoses en materia de igualdade e de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso.

Responsabilidade Social Empresarial

Así mesmo, este programa de Emprego e Igualdade tamén apoia ás empresas e autónomos na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa. É preciso lembrar que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar un verdadeiro emprego estable e de calidade. En 2012 foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico. Do que se trata é de poñer a RSE no centro do modelo empresarial que se quere impulsar desde Galicia, xa que a competitividade das empresas crecerá se existe un verdadeiro compromiso coa economía verde e responsable.