A Xunta avoga en Portomarín por un marco lexislativo que regule e impulse a igualdade laboral

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na localidade lucense, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no VI Encontro Xacobeo Peregrinas

No evento, no que participaron a escritora Laurie Dennet, a xogadora de balonmán Begoña Fernández e a pianista Lis Teuntor, abordáronse diferentes aspectos relacionados coa igualdade de xénero

A titular de Emprego e Igualdade puxo en valor as medidas autonómicas para apoiar a conciliación e a corresponsabilidade para acadar unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

Destacou que Galicia é a comunidade autónoma con maior número de mulleres traballadoras autónomas, cunha vantaxe de seis puntos por riba da media estatal

A campaña autonómica #IgualdadeFollowers, na que participan 20 personalidades galegas de diferentes ámbitos, está a reivindicar a través das redes sociais o papel da muller en Galicia e pretende concienciar á mocidade sobre a importancia da perspectiva de xénero

Multimedia

A Xunta avoga en Portomarín por un marco lexislativo que regule e impulse a igualdade laboral
Portomarín (Lugo), 12 de agosto de 2021.-
 
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe no VI Encontro Xacobeo Peregrinas, que se celebrou na Praza do Concello de Portomarín, unha iniciativa a través da que se pretende visibilizar o papel destacado das mulleres en Galicia e a importancia do emprendemento feminino, así como potenciar o valor do Camiño de Santiago.
 
No encontro, no que tamén participaron a escritora Laurie Dennet, a xogadora de balonmán Begoña Fernández e a pianista Lis Teuntor, Lorenzana avogou por un marco lexislativo que regule e impulse en Galicia a igualdade laboral. En palabras da conselleira, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres constitúe unha prioridade para o Goberno galego, polo que destacou que “agora máis que nunca” é preciso centrar os esforzos das diferentes administracións na equiparación salarial e no fin das discriminacións laborais por razón de xénero, concienciando ao tecido empresarial neste ámbito e guiando as boas prácticas.
 
O obxectivo, segundo explicou, é promover un mercado laboral “máis saudable” que racionalice os horarios e permita conciliar o traballo coa vida familiar e fomentar unha sociedade máis corresponsable á hora de definir roles de parella nas tarefas do fogar.
 
A conselleira puxo en valor as medidas que está impulsando a Xunta para promover unha “verdadeira Galicia igualitaria” como son os apoios á conciliación e á corresponsabilidade, ao emprendemento e á contratación da muller, así como os programas de formación para mellorar as oportunidades laborais das mulleres e a súa promoción a postos de maior responsabilidade. A conselleira apuntou que Galicia é na actualidade a comunidade autónoma con maior número de mulleres traballadoras autónomas (41,8%), cunha vantaxe de seis puntos por riba da media estatal (35,8%).
 
Para Lorenzana, as accións que está desenvolvendo a Xunta a favor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres están a dar os seus froitos á hora, por exemplo, de avanzar na identificación e superar determinados estereotipos ou de corrixir a desigual distribución dos roles na sociedade, así como na eliminación de obstáculos que poidan impedir ás mulleres o pleno desenvolvemento profesional e persoal.
 
Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou o impacto económico que desenvolve o Camiño de Santiago, sobre todo no emprego, a través do tecido produtivo con aloxamentos e servizos para peregrinos que xorden arredor das rutas.
 

#IgualdadeFollowers

Para rematar, a conselleira puxo en valor a campaña #IgualdadeFollowers, que a Xunta está desenvolvendo xunto coa Asociación de Periodistas de Galicia, e na que participan 20 personalidades e influencers galegos de diversos ámbitos como o deporte, a música, a cociña ou o emprendemento. Trátase de reivindicar a través das redes sociais o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia da perspectiva de xénero. “Na educación está a clave e nesta tarefa debemos sumar esforzos para acadar unha Galicia na que non exista ningún caso de violencia de xénero e ningún tipo de desigualdade por razón de xénero”, concluíu.

Na campaña participan, entre outros, Esther Estévez, presentadora do espazo DígochoEu da TVG; Manuel Loureiro, escritor e avogado; Jorge López e Tatiana González, cofundadores da empresa Beflamboyant e premiados co galardón Talento Mozo Xunta 2020; Mari Carmen Villar, influencer en lingua de signos do canle de YouTube Familia Vázquez; e Gabri Fuentes, presentador do espazo Menos dun minuto da TVG.

Tamén forman parte coas súas testemuñas Roi Méndez, cantante, guitarrista, actor e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2017; Teresa Portela, piragüista e campioa de 15 medallas en campionatos do mundo; Tamara Echegoyen, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Borja Golán, campión de Europa de squash en Chequia 2016 e en Austria 2018; María Murnau, activista feminista, escritora e autora de Feminismo ilustrado e Diario dunha rebelde; Sabela Ramil, cantante, clarinetista e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2019; Susana Rodríguez, médica e campioa de triatlon nos Xogos Paralímpicos de Australia 2018; Borja López, xogador do circuíto mundial de padel (World Padel Tour); Sofía Toro, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Erea Louro, influencer especializada en moda e creadora do blog All that she wants; Héctor Ares, xornalista especializado en motor e finalista do certame nacional Influencer Award 2020; Sara Donoso, crítica e comisaria de arte e premio Talento Xunta de Galicia 2020; Cristian Vidal, investigador, especialista en química orgánica sintética e premio Talento Mozo Xunta de Galicia 2020; e Iván Mariñas, finalista de Masterchef 8.

Un espazo de reflexión

Xacobeo Peregrinas nace co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias e reflexións que ofrecerán as diferentes convidadas. Cada mesa ten lugar nun Camiño e conta con figuras senlleiras e recoñecidas en moi diferentes ámbitos de coñecemento. Cada un destes encontros acolle mulleres relevantes en distintas disciplinas profesionais.

 
Tema: