A Xunta asina en Lugo convenios con Alar Galicia e Aliad-Ultreia para a intervención con menores agresores e o acollemento de vítimas de explotación sexual

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as dependencias de Alar Galicia e de Aliad-Ultreia

A Xunta renovou o apoio ao Proxecto Fénix de Alar Galicia que busca eliminar condutas de violencia entre os mozos cara ás súas parellas ou ex parellas

Por terceiro ano consecutivo axuda con 35.000 euros a continuidade do recurso de acollemento a vítimas da trata na cidade de Lugo

  • A Xunta asina en Lugo convenios con Alar Galicia e Aliad-Ultreia para a intervención con menores agresores e o acollemento de vítimas de explotación sexual
  • A Xunta asina en Lugo convenios con Alar Galicia e Aliad-Ultreia para a intervención con menores agresores e o acollemento de vítimas de explotación sexual

Lugo, 27 de abril de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, desprazouse hoxe a Lugo onde, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinou cadanseus convenios con Alar Galicia e Aliad Ultreia para axudar, por unha banda, á rehabilitación do agresores menores de idade e, por outra, facilitar o acollemento ás vítimas da trata con fins de explotación sexual.

O primeiro dos convenios asinados, na sede de Alar Galicia, permitirá dar continuidade por segundo ano consecutivo ao Proxecto Fénix que traballa na prevención e intervención cos menores que exercen a violencia de xénero contra as súas parellas ou ex-parellas e con aqueles que manifesten condutas machistas na súa contorna. Ata o de agora, esta iniciativa permitiu atender a 33 menores.

Lorenzana referendou a alianza da Xunta con esta entidade, representada polo seu director, Fernando González, por medio dun convenio que permitirá seguir a atender a “vítimas ás veces esquecidas e que lamentablemente se ven moi afectadas pola violencia de xénero”, especificou a conselleira, que se referiu á vulnerabilidade deste colectivo “dada a súa idade temperá e fase de desenvolvemento como persoas” que reproduce “de maneira desadaptativa” o que fai o proxenitor agresor ou maltratador.

“O Proxecto Fénix resulta fundamental e un referente na nosa comunidade e incluso fóra dela para traballar por un futuro sen violencia”, aseverou Lorenzana.

O programa -que forma parte das medidas activadas en Galicia no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero- contará cunha inxección de 25.000 euros da Xunta.

Ten como ámbito de actuación toda a Comunidade e atenderá con prioridade a menores con cargos penais que exercen ou exerceron a violencia de xénero, así como a intervención en centros de menores e nos Centros de Intervención Educativa en Medios Abertos (Ciemas).

Atención a vítimas da trata

A conselleira de Emprego e Igualdade, formalizou tamén hoxe outro convenio co presidente de Aliad-Ultreia, Manuel Varela, nas súas dependencias. Por terceiro ano consecutivo, realízase unha achega de 35.000 euros para o funcionamento do dispositivo de acollida para a atención de mulleres vítimas de explotación sexual e trata na cidade de Lugo. O pasado ano este recurso atendeu a sete mulleres e dous menores. Este investimento forma parte das actuacións programadas na Comunidade no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Grazas a este apoio, Aliad-Ultreia manterá o dispositivo en funcionamento para prestar un servizo de apoio, acollida e recuperación das mulleres vítimas de explotación sexual e de trata, facilitando un aloxamento e acceso á atención educativa, psicolóxica, social, formativa e laboral. En palabras da conselleira, o acordo “conta cun carácter singular determinado por razóns de interese público, social e humanitario e derivadas da necesidade de acollida e recuperación das mulleres vítimas de explotación e de trata”.