A Xunta apoia a VII Xornada Exxperimenta en feminino para a divulgación da ciencia e a tecnoloxía co gallo do Día internacional da muller e da nena na ciencia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de presentación da iniciativa que se desenvolverá o próximo 16 de febreiro no Campus de Ourense a cargo de profesoras, investigadoras e alumnas de varios dos seus centros

Puxo de relevo que sexan elas as que darán a coñecer aos escolares todas as posibilidades que ofrecen a Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e a Escola Universitaria de Enfermaría

Considerou prioritario incrementar a presenza da muller nos campos da ciencia e da tecnoloxía, promovendo a eliminación dos desequilibrios e situando a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas

  • A Xunta apoia a VII Xornada Exxperimenta en feminino para a divulgación da ciencia e a tecnoloxía co gallo do Día internacional da muller e da nena na ciencia
  • A Xunta apoia a VII Xornada Exxperimenta en feminino para a divulgación da ciencia e a tecnoloxía co gallo do Día internacional da muller e da nena na ciencia
  • A Xunta apoia a VII Xornada Exxperimenta en feminino para a divulgación da ciencia e a tecnoloxía co gallo do Día internacional da muller e da nena na ciencia

Ourense, 7 de febreiro de 2024.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou esta mañá na presentación da VII Xornada Exxperimenta en feminino, na que profesoras, investigadoras e alumnas do Campus de Ourense da Universidade de Vigo apostarán pola divulgación da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñaría e das matemáticas con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o próximo 11 de febreiro. O acto, que terá lugar o 16 de febreiro, está aberto a escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato, polo que a conselleira considerouno unha oportunidade perfecta para que as novas xeracións se impliquen no incremento da presenza da muller nos campos da ciencia e da tecnoloxía. 

Os escolares van ter a posibilidade de realizar experimentos científicos e tecnolóxicos e de coñecer as titulacións impartidas na Facultade de Ciencias, na Escola Superior de Enxeñaría Informática, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e na Escola Universitaria de Enfermaría do Campus ourensán. Rivo avogou por seguir asentando a tendencia da muller como referente na ciencia e na tecnoloxía, promovendo a eliminación dos desequilibrios e situando a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade recordou que hai apenas dous meses entregaba o premio María Josefa Wonenburger a Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) desta mesma universidade. Pero este premio creado pola Xunta en 2007 para distinguir as mulleres galegas que destacan nos eidos das ciencias e da tecnoloxía non é a única acción implementada nesta dirección. 

Así, cabe salientar que a Unidade Muller e Ciencia se creou precisamente para contar cunha área de traballo interdepartamental que transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, con accións desde a perspectiva de xénero. Nesa liña se sitúa tamén o III Programa de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades, diminuíndo a fenda de xénero e situando as investigadoras á fronte dos equipos. 

Tamén cómpre mencionar o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes, presente en toda a actividade que desenvolve a Administración autonómica, de cara a unha igualdade real e efectiva; ou a nova Lei de igualdade que actualiza o marco normativo galego, situándonos á vangarda nese equilibrio entre mulleres e homes. 

Neste 2024, tamén se implementará un novo plan para aumentar a presenza feminina en sectores onde tradicionalmente predominan os homes, con axudas á formación e á contratación. Nese camiño tamén se avanza coa campaña Ti elixes, dirixida a escolares para conciencialos de que as mulleres deben elixir a súa profesión libres de prexuízos ou de estereotipos.

A maiores, para reducir a fenda de xénero nos postos directivos, estase a desenvolver -deica o 11 de abril- o programa formativo Lideramos, polo que 150 mulleres das catro provincias galegas participan en obradoiros ou sesións de traballo en equipo para reforzar as redes colaborativas, fortalecendo perfís ou as competencias brandas.