A Xunta apoia ás familias monoparentais con axudas económicas e programas de promoción da conciliación corresponsable

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participaron hoxe en Santiago de Compostela na presentación da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos)

Destaca que as actuacións autonómicas no marco do Plan Corresponsables destínanse con carácter prioritario á atención das familias monomarentais e monoparentais, mulleres vítimas de violencia de xénero ou mulleres en situación de desemprego

Multimedia

A Xunta apoia ás familias monoparentais con axudas económicas e programas de promoción da conciliación corresponsable
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, amosaron hoxe o apoio da Xunta ás familias monomarentais na presentación en Santiago de Compostela de Fagamos, a Asociación de Familias Monomarentais de Galicia. López Abella destacou que o fomento da conciliación corresponsable é unha prioridade para o Goberno galego, lembrando os recursos que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon a disposición neste eido e que suman este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que o exercicio pasado.

En palabras da secretaria xeral, a Administración autonómica está a ampliar e a mellorar os recursos que favorecen a conciliación e a corresponsabilidade en períodos escolares e non lectivos e, así, indicou que as actuacións autonómicas no marco do Plan Corresponsables estanse a destinar con carácter prioritario á atención de familias monomarentais e monoparentais; vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller; desempregadas de longa duración; mulleres maiores de 52 anos; e/ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Entre os recursos do Goberno galego destinados ás familias monomarentais sinalou as axudas á conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo para menores de tres anos que este ano incrementará o seu orzamento nun 34,4% ata chegar aos preto de 775.000 euros. Esta orde introduce este ano novidades entre as que López Abella sinalou o incremento nun 25% da puntuación para as solicitudes das familias monomarentais, é dicir, que se aplicará un novo criterio para favorecer ás familias monomarentais atendendo ás maiores dificultades que teñen para o coidado dos menores de tres anos.

Así mesmo e, tal e como apuntou a secretaria xeral da Igualdade, flexibilizaranse os criterios en xeral para poder chegar a máis persoas beneficiarias “mellorando a eficiencia e a eficacia” desta convocatoria de axudas. Ademais, simplificarase a xestión desta liña de apoios para axilizar a súa resolución. Segundo López Abella, do que se trata é de favorecer a conciliación entre aquelas persoas que parten dunha situación de desvantaxe ou teñen maior risco de exclusión social ou de vulnerabilidade económica e ás veces as dificultades para conciliar non lles permite acceder ao mercado laboral, o que leva a que as familias monomarentais e monoparentais poidan atoparse nunha situación de cronificación do risco e de falta de oportunidades laborais.

Certificados

Pola súa parte, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinalou que o número de certificados da condición de familia monoparental triplicouse nun só ano, ao pasar dos 558 certificados expedidos en 2020 aos 1495 certificados expedidos en 2021. Así mesmo, neste 2022 a Xunta volverá obter un récord na emisión deste tipo de certificados, xa que só no primeiro semestre do ano hai 1270 certificados emitidos ou renovados.

Ademais, o Goberno galego está a traballar na regulación da condición de familia monoparental e nun rexistro específico, en cumprimentro da Lei de Impulso Demográfico e co obxectivo de blindar os seus dereitos.