A Xunta apoia con 66.000 euros o programa de conciliación dos campionatos de surf Cabreiroá Junior Pro Ferrol e Abanca Pantín Classic Galicia Pro

O Goberno galego, a través do Plan Corresponsables, financia o desenvolvemento da ludoteca e do servizo dedicado ao coidado dos menores de ata 16 anos que se instalarán nos dous eventos

O espazo de lecer e tempo libre do Cabreiroá Junior Pro Ferrol, que inclúe diferentes obradoiros para fomentar o deporte entre os máis novos, xa abreu as súas portas e estará operativo ata o domingo 15 de maio na praia de Doniños

  • A Xunta apoia con 66.000 euros o programa de conciliación dos campionatos de surf Cabreiroá Junior Pro Ferrol e Abanca Pantín Classic Galicia Pro
  • A Xunta apoia con 66.000 euros o programa de conciliación dos campionatos de surf Cabreiroá Junior Pro Ferrol e Abanca Pantín Classic Galicia Pro

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022.-

A Xunta, a través do Plan Corresponsables, apoiará con 66.000 euros o programa de actividades que se desenvolverán nos campionatos de surf Cabreiroá Junior Pro Ferrol e Abanca Pantín Classic Galicia Pro para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos asistentes aos eventos como público, dos deportistas e do persoal traballador. Nos dous eventos habilitarase unha ludoteca con múltiples e diferentes obradoiros e un servizo dedicado ao coidado profesional dos menores ata 16 anos.

A ludoteca da segunda edición do Cabreiroá Junior Pro Ferrol 2022 xa abriu as súas portas na praia de Doniños. Neste espazo celebraranse ata o vindeiro domingo 15 de maio diversas actividades dirixidas tamén a fomentar o deporte entre os máis novos entre as que destacan bautizos de surf, clases de skate na rampla instalada ou xogos na praia.

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro contará co mesmo programa dirixido á conciliación. Este evento celebrará a súa trixésimo edición do 9 ao 17 de xullo e será unha vez máis un dos eventos de surf máis importantes de España, o máis lonxevo de Europa e o cuarto do mundo.

O Plan Corresponsables conta en Galicia este ano cun orzamento de 10,7 millóns de euros e as súas medidas forman parte das diferentes accións que está a desenvolver a Xunta para a promoción da igualdade, especialmente as conducentes a facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal e a corresponsabilidade.

É un eido ao que a Consellería de Emprego e igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino; en axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; e en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.