A Xunta abre ás suxestións da cidadanía o proxecto de lei para a igualdade efectiva entre mulleres e homes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abre desde hoxe e ata o próximo 12 de agosto o prazo público para recibir as achegas ao proxecto de particulares, entidades, empresas ou administracións a través do portal da transparencia

A Xunta traballa coa previsión de que a norma inicie a súa tramitación parlamentaria antes de que remate o ano

O texto seguirá a situar a Galicia á vangarda da loita pola igualdade, ao recoñecer a discriminación múltiple, a idea do benestar laboral e dotar dun estatuto propio ás mulleres do rural e do mar

Enviarase o proxecto de lei a organizacións sindicais, empresariais, universidades, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a entidades que representan a colectivos profesionais, mulleres rurais e do sector pesqueiro e do mar

Multimedia

A Xunta abre ás suxestións da cidadanía o proxecto de lei para a igualdade efectiva entre mulleres e homes
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022.-
 
A Xunta publicou hoxe o proxecto de lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes no portal de transparencia para que tanto a cidadanía como entidades e administracións poidan realizar as súas suxestións ao texto proposto. Teñen para facelo desde hoxe e ata o próximo 12 de agosto, a través dun formulario habilitado ao efecto, no que poden realizar as súas achegas. 

A nova norma nace co obxectivo de seguir a situar a Galicia na vangarda da busca da igualdade laboral, para actualizar e unificar nunha mesma norma as actuacións e medidas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas á muller, e referendar o compromiso coa formación profesional e o emprego feminino de calidade.

O texto legal contempla, así, medidas para reforzar a igualdade de xénero en materia de dixitalización co obxectivo de fomentar a formación en habilidades dixitais e o seu uso no ámbito laboral, así como de protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos.  

Na mesma liña a futura lei promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual, a través de sendas peonís seguras, sinalización clara ou paradas a demanda de transporte urbano.

O Goberno galego quere contribuír, por outra banda, á defensa dos dereitos e á visibilización das mulleres que sofren discriminación múltiple, un concepto que corresponde aos casos nos que varias causas -como poden ser de discapacidade, de etnia, de idade, de pobreza, de inmigración etc.- dificultan aínda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas.

A nova normativa introducirá ademais a idea do benestar laboral nas empresas, vencellada coas políticas de conciliación, substitución por maternidade, prevención de riscos laborais, teletraballo e responsabilidade social empresarial (RSE).   

O texto quere regular medidas especiais para introducir a perspectiva de xénero no teletraballo, co impulso desta modalidade laboral que a pandemia ven de consolidar, así como a promoción de boas prácticas no tecido produtivo galego como o dereito á desconexión, o acceso prioritario a esta modalidade de traballo a vítimas da violencia de xénero, ou a realización de actividades de formación.

Galicia converterase, por outra banda, grazas a esta iniciativa lexislativa na primeira comunidade autónoma en recoller nunha lei os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral, unha medida que nace do acordo co Diálogo Social.

A Xunta seguirá a fomentar o emprego feminino por conta allea, con axudas para mellorar a contratación e para a promoción profesional. No caso das autónomas establecerase a continuidade dos apoios para a contratación por maternidade ou durante o embarazo e promoverá a creación de empresas en sectores con infrarrepresentación feminina.

A lei incluirá ademais un Estatuto das mulleres rurais e do mar co que se defenderá o compromiso de atender ás súas necesidades nas políticas de emprego autonómicas, e cunha relación propia de dereitos e de medidas para o fomento do seu asociacionismo.

Coa nova lei de igualdade, que se vén sumar á lei específica para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, Galicia segue a situarse na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos da súa vida, contribuíndo a visibilizar as novas desigualdades e avanzando para erradicalas.

En paralelo ao período de suxestións, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade enviará o texto do proxecto para que realicen as súas achegas a organizacións sindicais e empresariais, universidades, á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ás entidades máis representativas de colectivos profesionais como autónomos, mulleres do mar e do medio rural, entre outros.

Tema: