Máis de 300 persoas inscribíronse a esta actividade, a primeira dun catálogo de máis de vinte cursos cos que a Xunta ofertará este ano 5.000 prazas de teleformación
A participación nestes webinarios gratuítos permiten ás persoas asistentes obter un certificado de aproveitamento
Os orzamentos do Goberno galego reservan para 2022 máis de 2,2 millóns para o fomento da igualdade laboral
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2022.-
A Xunta de Galicia estreou hoxe o curso 2022 do seu espazo de teleformación en igualdade laboral, cun taller en liña gratuíto de catro horas no que se aborda a orixe sociocultural das diferenzas de xénero e a situación do emprego feminino en relación aos coidados. A actividade, que foi inaugurada por Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, conta con máis de 300 inscritos. É intención do Goberno ofertar este ano un total de 20 cursos, máis de 5.000 prazas de formación aberta á cidadanía, no campus virtual estreado en outubro.
A directora xeral amosou o seu desexo de que con estas medidas se “avance” na igualdade real nas condicións de traballo nas empresas, de todos os colectivos que sofren discriminación. Cursos como o de hoxe, diríxense especificamente ás persoas con capacidade de decisión para inserir o principio de igualdade no seo das organizacións, como participantes nos procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva, avaliación de postos de traballo e comunicación.
A sesión de hoxe distribuíuse en 4 horas docentes, impartidas por Ana Isabel Pérez Simal, delegada de Comisións Obreiras en Galicia e Mónica González Otero, inspectora de traballo e seguridade social. Entre outras temáticas relacionadas coa igualdade laboral, abordaron a división sexual do traballo, o emprego feminino no sector dos coidados desde o punto de vista das estatísticas, as desigualdades no mercado de traballo, as causas da fenda salarial e o teito de cristal, a conciliación, a división sexual do mercado de traballo (traballos feminizados e masculinizados) ou a fenda das pensións.
Mancha aproveitou a ocasión para comunicar o lanzamento do segundo taller que o campus virtual celebrará o próximo 25 de xaneiro, co seu prazo de inscrición xa aberto, sobre a igualdade de oportunidades e a prohibición de discriminación desde o punto de vista da normativa, os plans de igualdade e a negociación colectiva.
As persoas participantes nestas actividades poderán obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.
Tal e como lembrou a directora xeral, a Xunta iniciou o ano pasado unha forte aposta por dar a coñecer as novidades desta normativa de igualdade laboral e por impulsar o desenvolvemento da elaboración dos plans de igualdade nas empresas. En 2021 máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento vinculado á formación na materia ofrecida de maneira gratuíta pola Administración autonómica, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartila en modalidade virtual.
En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas en cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
“Queremos concienciar a toda a sociedade galega sobre a importancia do valor da igualdade e a necesidade de que este valor se materialice nunha realidade o máis pronto posible”, incidiu Mancha. “Por moi ben que se faga a diagnose dos plans de igualdade, e as empresas vaian adoptando as medidas e as decisións necesarias para facer esta realidade un feito, non chegaremos á igualdade real e efectiva ata que todas e todos gravemos na nosa conciencia social e colectiva que homes e mulleres teñen os mesmos dereitos a exercer a súa profesión e baixo as mesmas condicións”, engadiu.
Os orzamentos do Goberno galego reservan para 2022 máis de 2,2 millóns para o fomento da igualdade laboral, cos que se seguirá a apoiar aos axentes sociais e empresariais nos seus plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva; así como á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial por razón de xénero; e se subvencionará ás empresas e particulares que implanten plans de igualdade e medidas de conciliación.
Toda a información sobre a oferta formativa da Xunta en materia de igualdade laboral pódese consultar na web aigualdadelaboral.gal.