Trescentas mulleres inmigrantes aprenden os seus dereitos e como actuar ante casos de violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, o subdirector xeral de Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, e o presidente da Asociación de Centros Homologados, Francisco Nóvoa Rodríguez, participarán o próximo sábado, 19 de decembro, na clausura do Plan de Formación, información e sensibilización no ámbito da violencia de xénero dirixido á poboación inmigrante residente en Galicia.

Este programa, que leva o nome de "Galicia acolle en igualdade", foi o resultado do convenio de colaboración asinado, o pasado 3 de novembro, entre a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría xeral de Emigración e a Asociación de Centros Homologados, para traballar conxuntamente en dar a coñecer á comunidade inmigrante a lexislación vixente, os recursos sociais existentes e os lugares a onde acudir no caso de seren vítimas ou coñecedores dun caso de violencia contra as mulleres.

Na iniciativa "Galicia acolle en igualdade", téñense impartido obradoiros en distintas localidades das catro provincias, concretamente en: Ourense, Verín, Xinzo de Limia, Vigo, Pontevedra, Mos, Marín, Lugo, Viveiro, Ferrol, Culleredo (Consorcio de As Mariñas), A Coruña e Narón. O obxectivo destas accións formativas, sobre o terreo, era pór ó alcance da poboación inmigrante en Galicia os recursos sociais necesarios fronte a violencia de xénero. Tratábase de que as persoas chegadas doutros países coñeceran a lexislación vixente, os dereitos que as amparan, pero tamén, en clave práctica, os lugares ós que acudir en caso de ser vítimas, ou coñecedoras, dun caso de malos tratos.

As asistentes ós obradoiros, preto de trescentas persoas, recibiron nocións sobre o concepto de violencia de xénero, os recursos na comunidade autónoma galega nesta materia, os servizos de asistencia a mulleres vítimas de agresións e, máis en concreto, os dereitos específicos das mulleres inmigrantes que padecen violencia de xénero.

Para tal fin organizáronse os obradoiros mais tamén se editaron materiais informativos, como guías de recursos e dípticos, difundidos en galego e castelán pero tamén en francés, árabe e romanés para conseguir romper as barreiras idiomáticas que, en ocasións, impiden a estas persoas solicitar axuda.

Despois de varias semanas de formación, o punto final a esta acción formativa porase o sábado, 19 de decembro, en Santiago de Compostela, onde se celebrará  unha xornada sobre mulleres e inmigración na que se abordarán temas de interese e na que as propias protagonistas poderán tomar a palabra.

Ó acto asistirán representantes da Xunta e da Asociación de Centros Homologados así como expertos e expertas en integración e mulleres inmigrantes que compartirán coas asistentes a súa experiencia. Será unha sesión participativa, co obxectivo de pór en común os conceptos aprendidos e compartir experiencias. A música das caboverdianas residentes en Burela Batuko Tabanka servirá para rematar de forma lúdica as xornadas.

Colectivo: