Traballo e Benestar porá en marcha a Marca Galega de Igualdade para as empresas en xaneiro de 2010

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha, en xaneiro de 2010, a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, que se concederá a aquelas empresas que cumpran as garantías efectivas de igualdade entre homes e mulleres. Esta iniciativa inscríbese no impulso que o departamento autonómico está a dar á promoción da igualdade laboral entre os homes e as mulleres.

É preciso sinalar que o Estatuto dos Traballadores establece que o empresario está obrigado a pagar pola prestación dun traballo de igual valor a mesma retribución, sen que poida producirse discriminación ningunha por razón de sexo. Ademais, a Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia regula a elaboración dos plans de igualdade nas empresas, sinalando que as administracións públicas haberán de apoiar economicamente a implantación de ditos plans.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Relacións Laborais do departamento autonómico concedeu axudas por un importe de ao redor de 700.000 euros, que beneficiaron a 106 empresas, co fin de fomentar a implantación de plans de igualdade.

Este financiamento subvenciona distintas actividades, como a realización de estudos, análises da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero, nos que se analizan, entre outros, a avaliación dos postos de traballo, categorías profesionais, xornadas laborais ou estrutura salarial.

Esta axudas tamén se destinan a cursos de formación en materia de igualdade ou para a contratación, durante a vixencia do plan de igualdade, de persoal con experiencia ou coñecemento neste eido, co obxecto de asesorar á empresas.

Ademais destas axudas, esta mesma Dirección concedeu subvencións para levar a cabo investimentos para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, por importe de 188.050 euros. Ao abeiro desta orde, instruíronse un total de 10 expedientes, correspondentes ás solicitudes presentadas. Este financiamento destínase a construción de instalacións axeitadas para traballadoras embarazadas, salas de lactación e repouso ou servizo de comedor.

Avances na promoción da igualdade

Ademais da posta en marcha da Marga Galega de Excelencia en Igualdade e das ordes de axuda para a igualdade e a conciliación, a Consellería de Traballo e Benestar ten feito xa avances desde que comezou a lexislatura no eido da igualdade.

Como exemplo, e por primeira vez, a Secretaría Xeral cursou instrucións ao Servizo de Igualdade Laboral para a revisión dos textos dos convenios colectivos, de cara a valorar o cumprimento da normativa en materia de igualdade de xénero.

A isto hai que sumarlle que se está a crear o catálogo de empresas obrigadas a facer Plans de Igualdade, unha obriga que establece a Lei Orgánica 3/2007, e que ata o de agora non se tiña cumprido. Con este fin, remitiuse un escrito á Tesourería Xeral da Seguridade Social e á Inspección de Traballo solicitándolles que facilitase datos das empresas de máis de 250 traballadores e demais empresas obrigadas.

Precisamente, no propio eido dos plans de igualdade, estase elaborando a metodoloxía teórico-práctica para a forma de acreditación e comprobación da posta en marcha dos mesmos. De feito, proximamente se levará cabo unha pilotaxe práctica para a validación deste procedemento, que permita a súa posta en práctica.

Por outra banda, artellouse a colaboración directa e permanente do Servizo de Igualdade, dependente da Secretaría Xeral, con distintos centros directivos. Así, co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a punto de constituírse unha comisión permanente para a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais.

Coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, organízanse, entre outras actuacións, accións formativas para concienciar e capacitar ao persoal dos servizo públicos de emprego, na introdución da perspectiva de xénero no proceso de inserción laboral das mulleres desempregadas.

Tamén se está a levar a cabo un asesoramento continuo coa Dirección Xeral de Relacións Laborais para igualdade de oportunidades e de trato de mulleres e homes, así como un asesoramento aos diferente órganos da Consellería de Traballo e Benestar.

Colectivo: