Susana López Abella e Luis López visitan o `Espazo Concilia´ de Poio, que beneficia a 30 familias este verán

A secretaria xeral da Igualdade e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacan que o Goberno galego colaborou este ano coas accións municipais de conciliación estival con case 1,5 millóns de euros

As achegas para favorecer a conxugación da vida familiar e laboral destináronse aos concellos pontevedreses de Soutomaior, A Cañiza, Catoira, Meaño, Poio, A Guarda, Tui, Moaña, Baiona, Redondela, Ponte Caldelas, Meis, Cangas e Vila de Cruces

O Concello de Poio recibíu preto de 10.000€ para o desenvolvemento desta actividade, que ten lugar no CEIP Viñas de San Salvador dende o pasado 1 de xullo e rematará cando comece o curso escolar o vindeiro xoves

Multimedia

Susana López Abella e Luis López visitan o `Espazo Concilia´ de Poio, que beneficia a 30 familias este verán
Poio, 3 de setembro de 2021.-
 
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitaron esta mañá o Espazo Concilia do Concello de Poio, un programa de actividades municipal orientado ao fomento da conciliación que conta co financiamento do Goberno galego e que beneficiou a trinta familias do municipio ao longo deste verán.
 
Os representantes autonómicos destacaron que a Consellería de Emprego e Igualdade destina este ano case 7,5 millóns de euros a programas de conciliación, promoción da igualdade, colaboración cos Centros de Información á Muller (CIM) e prevención e sensibilización contra a violencia de xénero. Dentro destas liñas, o departamento autonómico aportou case 1,5 millóns de euros á colaboración coas accións municipais de conciliación estival, que apoiaron a 14 concellos da provincia de Pontevedra.
 
Os municipios e os programas beneficiarios foron os seguintes: Soutomaior Concilia do Concello de Soutomaior (15.000€), Eu Quero Ser do Concello da Cañiza (5.812€), Fomento da Conciliación do Concello de Catoira (11.840€), No Verán Somos Iguais do Concello de Meaño (15.000€), Espazo Concilia do Concello de Poio (9.677€), Vén e Xoga do Concello de Moaña (15.000€), Escola de Verán do Concello de Baiona (12.866€), Campamento de Verán do Concello da Guarda (15.000€), Igual É Máis do Concello de Tui (15.000€), Programa Municipal de Conciliación de Redondela (15.000€), Ponte Caldelas Concilia do Concello de Ponte Caldelas (7.084€), Casa de Escudeiro do Concello de Meis (7.491€), Enredos do Concello de Cangas (15.000€) e Programa Concilia de Vila de Cruces (15.000€).
 
Polo demais, Susana López Abella e Luis López, acompañados polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, coñeceron o funcionamento do Espazo Concilia, que atendeu, co apoio da Xunta de Galicia, a trinta nenas e nenos de entre 3 e 12 anos dende o pasado 1 de xullo e que rematará cando comece o curso escolar 2021/2022 o vindeiro xoves.
 
Esta iniciativa, que se desenvolve no CEIP Viñas de San Salvador, concíbese como un espazo socioeducativo e de lecer de apoio á infancia e de impulso da conciliación cun horário de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres durante todo o verán. As actividades centráronse en xogos, talleres, ludoteca e cancións que abordan os factores lúdicos e as facetas físicas, emocionais e sensoriais dende o punto de vista da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
 
Finalmente, o delegado territorial lembrou o “gran apoio económico” da Xunta de Galicia ás políticas sociais do Concello de Poio e cifrou o mesmo nuns 2 millóns de euros anuais, entre os que destacan os máis de 400.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou as achegas para escolas infantís ou a Tarxeta Básica, entre outros conceptos.