- Galego
- Castellano
Marta Gónzalez e Iolanda Veloso trataron o estado do Centro de Información ás Mulleres e o do Centro de Emerxencias para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, e acordaron volver a reunirse no mes de setembro.
A secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Marta González, recibiu hoxe no seu despacho á concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística de Vigo, Iolanda Veloso Ríos, coa que tratou temas de actuación conxunta como as intervencións e a situación do Centro de Información ás Mulleres de Vigo, que está cofinanciado desde o Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia, e o Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, xestionado mediante convenio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Vigo.
O Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, forma parte da Rede Galega de Acollemento, e nace coa finalidade de proporcionar aloxamento inmediato e de curta estancia ás mulleres (e ás súas fillas e fillos) que se atopen inmersas nunha situación de malos tratos, garantíndolles un acollemento de emerxencia mentres se valora a súa situación, se inicia o tratamento ou se efectúa unha derivación a outro dispositivo máis axeitado.
Esta xuntanza entre a responsable de Igualdade da Xunta de Galicia e a concelleira de Vigo, terá continuidade no mes de setembro, coa finalidade de analizar con maior detalle o funcionamento e melloras no Centro de Emerxencia.
A secretaria xeral da Igualdade manifestou a súa vontade de continuar os contactos e o diálogo coas persoas responsables da áreas de Igualdade das distintas entidades municipais de Galicia, co fin de promover a igualdade e traballar pola erradicación da violencia de xénero en todo o territorio galego.