A secretaria xeral da Igualdade presentou no Parlamento o informe sobre violencia de xénero en Galicia do ano 2009

Galicia rexistrou ao remate do 2009 tres mortes por violencia de xénero, catro menos que en todo o exercicio 2008, cifra que representa o 7,14% dos casos rexistrados no conxunto de España ao remate do ano 2009, que foron 56. En 2009, beneficiáronse do programa de atención psicolóxica para mulleres e menores que sufran violencia de xénero, 352 persoas, 270 mulleres, 78 nenos e nenas e 4 persoas dependentes.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, compareceu hoxe no Parlamento Galego para presentar o informe que, conforme á disposición adicional cuarta da Lei 11/2007, debe remitirse anualmente a Cámara Autonómica con información sobre a situación da violencia de xénero en Galicia, e coas achegas dos departamentos implicados na súa prevención e no seu tratamento.

O informe presentado pola responsable de igualdade do goberno galego, que na vindeira semana estará dispoñible no sitio web da Secretaría Xeral da Igualdade e do Servizo Galego de Igualdade, sinala que en relación ao fenómeno da violencia de xénero, e ás grandes cifras relativas a este grave problema -falecementos e denuncias- Galicia rexistrou ao remate do 2009 tres mortes por violencia de xénero, catro menos que en todo o exercicio 2008, cifra que representa o 7,14% dos casos rexistrados no conxunto de España ao remate do ano 2009, que foron 56.

Esta redución do número de falecementos por violencia de xénero deuse tamén en España, onde se pasou das 76 mortes do 2008 ás 56 deste ano 2009. Galicia pasou de ocupar un cuarto lugar na listaxe de comunidades autónomas con maior número de casos de mortes por violencia de xénero no territorio español, a un sexto posto no 2009, amplamente superada por Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana; en menor medida, superada tamén por Canarias e Madrid.

Os datos oficiais relativos á solicitude e adopción de ordes de protección nos xulgados aínda non están completos para a totalidade do ano 2009, polo que só se poden aportar neste informe os relativos ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. En España, nese período rexistráronse un total de 31.852 solicitudes de ordes de protección, das cales foron adxudicadas 22.512 (o 71% dos casos). Das 31.850 solicitudes, atribúenselle a Comunidade Autónoma de Galicia 1.008 solicitudes, das que se resolveron favorablemente 631 ordes (63%). No que se refire ás ordes de protección concedidas na totalidade do período anual, Galicia conta cos rexistros propios do Punto de Coordinación das Ordes de Protección, que contabiliza a 31 de decembro de 2009 un total de 1.454, repartidas da seguinte maneira: 562 na Coruña (38,6%); 451 en Pontevedra (31%); 223 en Ourense (15,3%) e 218 en Lugo (14,9%).

Así mesmo, nos xulgados de violencia sobre a Muller, dende o día 1 de xaneiro do 2009 ata o 30 de setembro, rexistráronse, no territorio español, un total de 103.909 denuncias por violencia de xénero, ao mesmo tempo que se contabilizaban 12.798 renuncias ao proceso (o 12 % dos casos). Das 103.900 denuncias, compútanselle a Comunidade Autónoma de Galicia 4.602 (4,43% do total) das que 350 (un 8%) renunciaron ao proceso.

Atención ás vítimas
No ano 2009, beneficiáronse do programa de atención psicolóxica ás mulleres e ás e aos menores que sufran violencia de xénero, 352 persoas, 270 mulleres, 78 nenos e nenas e 4 persoas dependentes. Participaron na intervención 57 profesionais da psicoloxía.

O programa 'Abramos o Círculo', de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade, beneficiáronse un total de 48 homes, e participaron na intervención 21 profesionais da psicoloxía. Estes dous programas fanse a través dun Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Polo que se refire ás medidas no ámbito xudicial, os sete Colexios de Avogados teñen establecido mecanismos para garantir a atención xurídica (24 horas) e asistencia letrada urxente a mulleres vítimas de violencia de xénero. O total de actuacións certificadas polos Colexios de Avogados en aplicación do módulo establecido (defensa xurídica da muller en dilixencias policiais, orde de protección e procedementos administrativos relacionados coa violencia de xénero e doméstica) elevouse en 2009 a un total de 668 asuntos.

Protección as vítimas
En canto ás outras medidas de apoio e protección, como os dispositivos de alarma, ou os programas de intervención con homes en relación coa violencia de xénero, o servizo de teleasistencia móbil para mulleres vítimas da violencia de xénero é unha modalidade de servizo que, coa tecnoloxía axeitada, ofrece as vítimas unha atención inmediata e a distancia asegurando unha resposta rápida ás eventualidades que poidan xurdir, as 24 horas do día, os 365 días do ano sexa cal fose o lugar no que se encontre.

Ao remate do ano 2009 contabilízanse, no conxunto do territorio español, un total de 13.696 mulleres dadas de alta como usuarias do servizo. Ao longo do mes de decembro do 2009 producíronse 522 novas altas e 663 baixas, incrementándose a cifra en 141 casos (o 1,0%). A cifra mais elevada neste servizo, o remate do 2009, corresponde á Comunidade Valenciana (2.493 casos) seguida de Madrid (2.385 casos), Cataluña (2.326 casos) e Andalucía (2.303 casos). Só estas catro comunidades autónomas agrupaban o 68,9% das usuarias en alta o final do mes de decembro do 2009. Galicia ocupa un oitavo posto entre as 19 Comunidades Autónomas rexistradas, cun total de 466 casos rexistrados.

Polo que se refire aos dispositivos GPS/pulseiras identificativas de vixilancia para maltratadores condeados, en novembro de 2009, e que se impoñen por decisión xudicial, o número de pulseiras distribuídas en Galicia era de 3 a finais de 2009, todas elas na provincia de Pontevedra.

En canto ao número de persoas atendidas na rede de centros de acollida, composta de diferentes centros por toda a comunidade autónoma, incluído o centro de emerxencias, no ano pasado, o número de persoas usuarias da totalidade da rede de centros de acollida de Galicia foi de 128 mulleres e 114 menores, dándose un nivel de ocupación de cada un dos centros moi desigual, que variou do 80% nalgúns casos ata o 38% noutros.

A secretaria xeral mencionou tamén o desbloqueo da situación do inmoble no que se vai crear o Centro de Recuperación Integral para vítimas de violencia de xénero, que foi cedido por fin á Xunta de Galicia polo concello de Santiago no pasado mes de febreiro, e para cuxas obras e posta en marcha destinaranse en 2010 un total de 600.000 euros.

En canto ao teléfono 24 horas, teléfono 900 400 273, que é un servizo gratuíto e anónimo específico do goberno galego e que funciona as 24 horas do día, tendo cobertura para toda a Comunidade Autónoma, no ano 2009 recibiu un total de 4.030 chamadas, sendo os meses de maior porcentaxe de chamadas o de agosto, seguido de marzo e setembro. A procedencia das chamadas é nun 48% da Coruña, un 26% de Pontevedra, un 10% de Lugo e un 6% de Ourense. Delas, un 13% proceden do ámbito rural e un 77% do urbano, quedando un 10% sen identificar. Nun 94%, as chamadas proceden de mulleres, rexistrándose un 6% de homes que utilizan o teléfono para facer chamadas para recabar información para as súas mulleres ou fillas.

No que se refire ás axudas económicas de pagamento periódico ás mulleres vítimas de violencia, coñecidas como "salario da liberdade", no ano 2009 concedéronse un total de 217 prestacións, 77 na provincia da Coruña, 42 en Lugo, 31 en Ourense e 67 en Pontevedra; un 35,4% delas, polo tanto, concedéronse na Coruña, un 30,8% en Pontevedra, un 19,3% en Lugo e finalmente un 14,2% en Ourense. É interesante lembrar que no ano 2008 se concederan un total de 167 prestacións.

Os maltratadores
O programa Galicia de Reeducación de maltratadores, centralizado na Academia Galega de Seguridade, rexistrou dende que se iniciou 781 casos; dos cales, 417 penados atópanse en situación activa participando en diferentes fases do programa (34 en avaliación e 383 en intervención) 63 finalizaron a intervención, pero están en fase de seguimento, e 87 casos están pendentes de seren citados. Por outra parte, é de destacar que 89 usuarios (11,4%) déronse de baixa no programa en diferentes fases do mesmo (avaliación ou intervención) sen posibilidade de concluílo, debido á remisión ou cumprimento da pena establecida. En relación ao número de casos por ano, podemos observar un incremento dos mesmos ano a ano, a excepción do 2009. Foron dados de alta 90 penados no 2006; 271 no 2007; 310 no 2008 e 110 no 2009.

A sensibilización
Entre as medidas e actuacións levadas a cabo pola Comunidade Autónoma ao longo do ano 2009 no marco da Lei 11/2007, no eido da sensibilización cara ao grave problema da violencia de xénero, a secretaria xeral mencionou moitas e moi diferentes actividades, como a organización de xornadas de análise e reflexión sobre a prostitución e a trata; a toma de contacto para a creación dun grupo de traballo sobre trata; ou as campañas para conmemorar o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata, o 23 de setembro, e a do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, co slogan "cambiar o seu futuro depende de nós", ademais da colaboración coa Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia CEHOSGA, para a difusión de 55.000 adhesivos para seren pegadas nos espellos dos cuartos de baño dos locais de hostalería asociados a CEHOSGA, nos que figura o teléfono gratuíto 24 horas 900 400 273; a posta en marcha dun plan de formación e sensibilización da poboación inmigrante residente en Galicia, denominado 'Galicia acolle en Igualdade'; o protocolo de colaboración coa compañía CRTVG e a creación, por parte desta, da comisión de igualdade dentro do seu Consello de Administración; ou o plan de formación a asociacións sobre consumo e xénero, con participación de 400 mulleres.

A investigación e formación
Polo que se refire ás medidas de investigación e de formación en materia de violencia de xénero, a Secretaría Xeral da Igualdade convocou bolsas e axudas dirixidas á realización e difusión de estudos e investigacións, xornadas e congresos en materias relacionadas prioritariamente coa violencia de xénero. O crédito da convocatoria, plurianual, distribuíuse en 210.000 euros para actuacións desenvolvidas durante o ano 2009 e 150.000 durante o ano 2010.

Tamén se referiu ás axudas e subvencións para o apoio á execución de programas sobre igualdade no ámbito universitario e dos organismos públicos de investigación, dotada con 900.000 euros. As actuacións financiadas tiveron no 2009 como obxectivo implementar actuacións específicas de igualdade de oportunidades no Sistema Universitario de Galicia e nos centros de investigación, promovendo as investigacións entre os grupos, así como a creación e mantemento de centros, oficinas, cátedras e unidades de xénero, a realización de cursos e actividades específicas en diferentes materias, entre elas, e de xeito prioritario, a violencia de xénero e a prostitución e a trata. Para o ano 2009 destináronse 400.000 euros e para o 2010 serán 500.000.

Do mesmo xeito, ao longo de 2009, desenvolvéronse un total de 23 cursos de formación online, de 20 a 30 horas cada un deles, cun total de 40 prazas cada un, para a formación en violencia de xénero de diferentes profesionais que están relacionados de forma directa ou indirecta nos procedementos de violencia.

Polo que respecta ás medidas no ámbito da formación e do emprego, a Consellería de Traballo, a través das direccións xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación, puxo en marcha no ano 2003, ao abeiro da Orde do 5 de xuño de 2003, o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia, coa finalidade de facilitar a integración sociolaboral deste colectivo. Ao longo do ano 2010, foron contratadas ao abeiro deste programa un total de 124 mulleres vítimas de violencia.