A Secretaría Xeral da Igualdade garante o mantemento das actuacións de igualdade en todo o territorio galego a través dos centros de información ás mulleres

A secretaria xeral da igualdade, Marta González, defendeu hoxe no Parlamento, a pregunta do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que o remate do Plan de Igualdade de Oportunidades (PIO) elaborado polo goberno anterior non suporá o fin dos servizos de igualdade ofertados ás mulleres galegas, ni a desatención destas, xa que estes servizos seguirán sendo desenvolvidos, como acontece desde 1995, cando foron creados, polos Centros de Información ás Mulleres (CIM), que son xestionados polos concellos e apoiados pola Xunta de Galicia.

Marta González contestou á pregunta Parlamentaria número 10144 formulada polo Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, sobre as oficinas de I+B.

A secretaria xeral de Igualdade garantiu que a través dos CIMs, que levan exercendo este traballo desde a creación dos primeiros en 1995,  manterase a atención ás mulleres. O feito de que na rede de CIMs traballen máis de 150 persoas, repartidas nos 75 centros que existen hoxe en día en 75 concellos espallados polo territorio galego, é boa proba desta realidade.

A responsable de Igualdade garantiu o mantemento das actuacións en materia de igualdade nos concellos, xa que estas actuacións será desenvolvidas polos técnicos/as e equipos da Secretaría, en colaboración cos concellos.

Ademais, a devolución de competencias aos concellos e o traballo directo con eles evitará  duplicidades, permitirá unificar actuacións, e optimizar os servizos ás mulleres. Sen esquecer que son estes os que mellor poden traballar para axudalas, debido a súa proximidade e a un mellor coñecemento das súas necesidades.

As críticas ás oficinas de I+B chegaron desde a súa creación

A secretaria xeral de Igualdade lembrou que a rede de oficinas de I+B, creada en abril de 2008 e impulsada polo Consorcio Galego de Servizos Sociais da entón Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dende o primeiro momento foi criticada pela Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que consideraron que este servizo supuña a creación dunha rede paralela que duplicaba as funcións e invadía as competencias dos municipios. Pero as críticas tamén chegaron do lado do socio de goberno do BNG. O PSdG criticou esta iniciativa debido á exclusión dos municipios e á creación de redes paralelas. De feito, as seis oficinas de I+B onde se levan temas de igualdade foron abertas nos concellos de Monforte, As Pontes, Carballo, Porriño, Gondomar e Carballiño, onde xa existían CIMs que desenvolvían exactamente as mesmas funcións, e non parece que sexa unha coincidencia que -salvo O Carballiño- estes concellos estaban gobernados polo BNG no momento de creación das oficinas.

As duplicidades

Na súa intervención Marta González fixo un rápido repaso sobre o programa de actuacións que se desenvolve desde un CIM calquera, e cal o programa de actuacións que en materia de "muller" se desenvolven desde as oficinas de I+B, para que a comisión parlamentaria xulgase se existe ou non unha duplicidade de servizos "na rede paralela que comezaron a montar, dende a vicepresidencia do goberno bipartito, probablemente porque os CIMs non se axustaban exactamente ao seu modelo, xa que as administracións locais se interpuñan na súa actuación".

A secretaría xeral explicou que os CIMs son un servizo de información ás mulleres, que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, teleasistencia móbil para vítimas de violencia de xénero, información en materia de recursos dispoñibles no ámbito territorial e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres. Sen esquecer que da cobertura as mulleres do concello onde se encontra e dos limítrofes que non contan con este servizo.

As actividades dos CIMs

Os principios que rexen os CIMs son o anonimato de identidade das usuarias, a gratuidade, o respecto da vontade das usuarias na busca de posibles solucións e alternativas das consultas expostas, e a confidencialidade por parte do persoal do Centro de Información ás Mulleres.

Dende os CIMs se elabora, coordina, desenvolve e realiza o seguimento e avaliación dos Plans Municipais de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes dos concellos, se informa e asesora a asociacións e persoas interesadas sobre actividades, recursos e servizos relacionados coas mulleres. Asimesmo poténciase o asociacionismo das mulleres e incentiva a relación con e entre as asociacións existentes. Organízanse campañas específicas para sensibilizar á opinión pública sobre a situación das mulleres, e realizánse actuacións con todos os axentes involucrados en temáticas vencelladas á igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Ademais, coopérase cos distintos departamentos municipais para incorporar o principio de igualdade na Administración local. Colabórase tamén cos organismos de igualdade locais e autonómicos para desenvolver programas de igualdade de oportunidades. Recepciónanse, canalízanse e tramítanse denuncias en materia de discriminación por razón de sexo no ámbito da publicidade e dos medios de comunicación.

Sen esquecer a información sobre cursos, estudos e xornadas que se programen no municipio, así como as actividades e servizos desenvolvidos pola Xunta de Galicia en materia de igualdade e afíns. Xeralmente poñen a disposición de todas as persoas interesadas información e documentación relativa ás mulleres e á igualdade de oportunidades .

As actividades das oficinas de I+B

A secretaria xeral da Igualdade tamén facilitou as actuacións desenvolvidas dende as oficinas de I+B, segundo a información que a páxina web do Consorcio proporciona.

Na área de promoción da igualdade, as oficinas de I+B realizan difusión das campañas promovidas e coordinadas pola Secretaría Xeral da Igualdade, das campañas de sensibilización social no territorio, información sobre os dereitos das mulleres, campañas e cursos formativos que precisen unha atención específica para as mulleres, apoio ao asociacionismo de mulleres e sensibilización e formación de profesionais.

Na área de violencia de xénero estas mesmas oficinas realizan campañas de sensibilización social no territorio, desenvolven programas de prevención educativa en coordinación cos axentes implicados no territorio, coordinan e apoian a profesionais dos eidos educativos, sociais, sanitarios, constitúen e coordinan redes de apoio, dan atención a vítimas mediante información, apoio, xestión de recursos e derivación oportuna, e realizan a activación e seguimento de protocolos.

Despois de comprobar documentalmente a duplicidade das actuacións de ambos tipos de organismos, a secretaria xeral afirmou que, como se pode comprobar, non se pode falar de que exista un baleiro no territorio galego, nin de falla de acceso á información nin aos recursos das mulleres. Por iso insistiu no feito de que a Xunta de Galicia garante que a información, o asesoramento, a atención e as actividades de sensibilización chegarán á todas as mulleres galegas a través do traballo conxunto do goberno galego e dos municipios da nosa comunidade.