A secretaria xeral da Igualdade explicou ás mulleres inmigrantes os seus dereitos e os recursos existentes para loitar contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, participou hoxe no Centro Hermanas Oblatas-O’Mencer en Ferrol nun encontro coas mulleres inmigrantes que lle contaron a súas inquedanzas e preocupacións, e coas que falou sobre os seus dereitos e os recursos existentes para loitar contra a violencia que se exerce sobre as mulleres.

Multimedia

Marta González considerou "sumamente produtivos" este tipo de encontros, non só pola actualización dos coñecementos, senón pola posta en común de informacións e pola difusión dos recursos existentes na nosa comunidade autónoma, sobre todo para atender ás mulleres que se encontran máis desprotexidas.
 
A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia traballa en colaboración con entidades, como o Centro O Mencer, que buscan coa súa actuación e o seu esforzo a mellora das condicións das mulleres, a través do traballo con elas en diferentes materias como a formación, o asesoramento e o emprego.
 
Un dos obxectivos, dixo Marta González, das políticas de igualdade é lograr a sensibilización da sociedades sobre a situación de desigualdade na que viven as mulleres, pero tamén "traballamos no fin último de lograr que todas as formas de violencia contra as mulleres desaparezan", e moi en particular, dixo, "a prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual", que "é unha das formas máis claras de desigualdade que seguen vivindo moitas mulleres en moitos países do mundo: uns, nos que a falla de oportunidades da lugar a que sexan países de saída das mulleres na procura dunha situación mellor para elas e as súas familias, caendo en ocasións en redes de trata xestionadas por mafias, e outros, por seren países, como o noso, de acollida, nos que existe unha clientela masculina e un entramado legal que permite a explotación de mulleres sen ningunha consideración á súa dignidade como seres humanos".
 
A secretaría xeral da Igualdade foi moi clara. "Nós, como tantas outras persoas, cremos nun mundo sen prostitución e sen trata, e non podemos permitir que nos chamen ilusos e soñadores por pensar que é posible" xa que se a humanidade "logrou acabar coa escravitude", que era un sistema social e económico sustentado na explotación duns seres humanos por parte doutros, "acabar coa prostitución e a trata de seres humanos tamén é posible".

Para o goberno galego, dixo, "é unha aposta traballar para lograr erradicar esta forma de violencia" e por iso "foi pioneiro na adopción de medidas efectivas", como foi a sinatura coa Fiscalía Superior de Galicia do Protocolo de Actuación Institucional sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas do tráfico de persoas con fins de explotación sexual.

Marta González explicou ás asistentes os dereitos que teñen as mulleres vítimas de trata, como son: recibir información nun idioma que comprendan; ter un aloxamento apropiado para elas e para os seus fillos e fillas menores de idade; contar con asistencia psicolóxica, médica e xurídica gratuíta, ou ter un período de reflexión mínimo dun mes para valorar, con seguridade e tranquilidade, a posibilidade de colaborar coas autoridades na investigación do delito.

O protocolo pretende acabar cos problemas de coordinación que facían que a maior parte das causas contra redes de explotación sexual, fosen arquivadas antes de chegar a xuízo ou que rematasen cunha sentenza absolutoria pola ausencia de testemuñas ou porque estas cambiaban a súa declaración por medo, ameazas ou pola súa situación de desprotección e desamparo.

"Somos conscientes de que as actuacións do goberno galego, e de todas as organizacións que traballan con nós para erradicar esta lacra, son unha gota na inmensidade do océano, pero é preciso seguir avanzando ata chegar ao obxectivo", concluíu a secretaria xeral da Igualdade, que compartiu esta xornada, ademais de coas mulleres, coa avogada María Teresa Álvarez García, que explicou todas a novidades da Lei de Estranxeiría, e co traballador social do Centro O Mencer, Gonzalo Almeida, que falou dos recursos que as mulleres inmigrantes teñen á súa disposición.

Colectivo: