- Galego
- Castellano
Igualdade edita esta guía no eido do programa 'Galicia acolle en Igualdade', que ten como obxectivo dar a coñecer á comunidade inmigrante a lexislación, os recursos e que facer en caso de seren vítimas ou de coñecer de un caso de violencia de xénero. Faino en diferentes linguas para que as barreiras idiomáticas non sexan un impedimento á hora de pedir axuda ou denunciar unha agresión.
A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, no eido do programa 'Galicia acolle en igualdade', editou en cinco linguas a Guía de Recursos Fronte á Violencia de Xénero para a Poboación Inmigrante, que será distribuída a través das diferentes asociacións de inmigrantes en Galicia e que tamén poderán descargarse na Biblioteca desta web.
Estas guías foron editadas en romanés, árabe, francés, español e galego para conseguir romper as barreiras idiomáticas que, en ocasións, impiden a estas persoas solicitar axuda.
As guías están divididas por provincias. En cada unha delas aparecen os teléfonos de interese de cada concello, dende a policía, a garda civil, os servizos sociais, as asociacións ou centros de información as mulleres que hai en cada un deles.
Estas guías están inseridas dentro do programa 'Galicia acolle en igualdade', que foi o resultado do convenio de colaboración asinado, o pasado 3 de novembro, entre a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría xeral de Emigración e a Asociación de Centros Homologados, para traballar conxuntamente en dar a coñecer á comunidade inmigrante a lexislación vixente, os recursos sociais existentes e os lugares a onde acudir no caso de seren vítimas ou coñecedores/as dun caso de violencia contra as mulleres.
Na iniciativa 'Galicia acolle en igualdade', téñense impartido obradoiros en distintas localidades das catro provincias, concretamente en Ourense, Verín, Xinzo de Limia, Vigo, Pontevedra, Mos, Marín, Lugo, Viveiro, Ferrol, Culleredo (Consorcio de As Mariñas), A Coruña e Narón. O obxectivo destas accións formativas, sobre o terreo, era pór ó alcance da poboación inmigrante en Galicia os recursos sociais necesarios fronte a violencia de xénero. Tratábase de que as persoas chegadas doutros países coñeceran a lexislación vixente, os dereitos que as amparan, pero tamén, en clave práctica, os lugares aos que acudir en caso de ser vítimas, ou coñecedoras, dun caso de malos tratos.
Os homes e as mulleres asistentes aos obradoiros, -preto de trescentas persoas, recibiron nocións sobre o concepto de violencia de xénero, os recursos na comunidade autónoma galega nesta materia, os servizos de asistencia a mulleres vítimas de agresións e, máis en concreto, os dereitos específicos das mulleres inmigrantes que padecen violencia de xénero.
Agora, a guía vén a complementar toda esa información e convertese nunha boa ferramenta práctica, con toda a información precisa de todos os concellos galegos en materia de violencia de xénero.