A secretaria xeral da Igualdade e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro clausuran o seminario de emprendemento para mulleres

Marta González destaca a incidencia do programa EMEGA sobre o emprendemento, con máis de 20 millóns de euros en axudas e máis de 3.000 mulleres beneficiarias.

Multimedia

Santiago, 16 de xuño de 2011. - As titulares de Igualdade e de Desenvolvemento Pesqueiro  da Xunta de Galicia, Marta González e Susana Rodriguez, e o subdirector xeral de Política Estrutural do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño clausuraron esta tarde o seminario 'Emprendemento social para as mulleres do sector pesqueiro', que se celebrou hoxe en Santiago, promovido pola Rede Española de Mulleres no Sector Pesqueiro coa colaboración da Consellería do Mar.

Na súa intervención, Marta González aludíu á innovación e á cultura emprendedora como factores decisivos "para rachar o teito de cristal que frustra en moitas ocasións as expectativas laborais das mulleres, especialmente en momentos de crise económica como a que vivimos, onde o brusco incremento do desemprego, sirve para lembrarnos a fortaleza, a autonomía e a importancia do traballo das mulleres".

Salientou o compromiso da Xunta de Galicia no fomento do emprego feminino e, en particular, “no estimulo do potencial emprendedor das mulleres, a través de medidas como o programa Emega”, co obxectivo de servir de apoio ás mulleres que desexen levar a cabo unha actividade empresarial, como medio para a súa integración laboral, un programa que suma axudas concedidas por valor de máis de 20 millóns de euros e do que xa se beneficiaron máis de 3.000 mulleres.

Entre as vantaxes que tamén conleva a promoción da actividade emprendedora, a secretaria xeral destacou "a redución das elevadas taxas de temporalidade, a diversificación da presenza por sectores de actividade e categorías profesionais e a mellora da conciliación entre a vida familiar e laboral".

O seminario, que foi inaugurado pola directora do Instituto da Muller, Laura Seara, e o director xeral de Ordenación Pesqueira do ministerio, Juan Ignacio Gandarias, estivo estruturado nunha parte práctica, na que se abordaron técnicas de formación sobre emprendemento e iniciativas innovadoras, e outra parte práctica, na que se desenvolveu un obradoiro para orientar a posta en marcha dun proxecto emprendedor.

Colectivo: