O presidente da Xunta participa no acto institucional do Día contra a violencia de Xénero en Soutomaior

Rueda destaca a importancia de involucrar a toda a sociedade para converter Galicia nunha terra libre de violencias machistas

Alerta de que a violencia cara á muller “ten moitas caras” e demanda “tolerancia cero” e “a denuncia permanente” deste tipo de actitudes

Resalta que a loita contra a violencia de xénero “é unha tarefa colectiva” e das máis “importantes e urxentes” coma sociedade

Salienta o compromiso da Xunta a prol da Igualdade ao destinar 54 M€ nos orzamentos de 2024 a este eido, catro veces máis que no 2009

Subliña que a nova Lei de Igualdade blinda o benestar das mulleres e a loita contra calquera discriminación por xénero

O Goberno galego lanzará antes de que finalice o ano un protocolo de seguridade contra as agresións no lecer nocturno

  • Rueda destaca a importancia de involucrar a toda a sociedade para converter Galicia nunha terra libre de violencias machistas
  • Rueda destaca a importancia de involucrar a toda a sociedade para converter Galicia nunha terra libre de violencias machistas
  • Rueda destaca a importancia de involucrar a toda a sociedade para converter Galicia nunha terra libre de violencias machistas

Soutomaior (Pontevedra), 25 de novembro de 2023.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá a importancia de involucrar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero para converter Galicia nunha terra libre de calquera agresión ou discriminación cara ás mulleres. “É unha tarefa colectiva e das más importantes e urxentes que temos como sociedade”, resaltou.

Durante o acto institucional da Xunta polo Día contra a violencia de xénero, que se celebrou no concello pontevedrés de Soutomaior, Rueda salientou que obxectivo do Goberno galego é camiñar cara unha Galicia máis xusta e igualitaria “na que non teñen cabida as violencias machistas” que, asegurou, son unha das principais consecuencias “da desigualdade”. Por iso, instou ao conxunto dos galegos a apostar pola “tolerancia cero” e a “denuncia permanente” ante este tipo de actitudes e animou a todos “a chamar as cousas polo seu nome”.

Para iso, asegurou que é importante concienciar a poboación de que a violencia de xénero “ten moitas caras” e vai máis aló das agresións físicas. O presidente puxo como exemplo de comportamentos inaceptables controlar o móbil da parella, aproveitar a posición de poder para someter a unha muller, os menosprezos constantes ou a difusión de imaxes íntimas sen permiso.

Para avanzar cara unha Galicia libre de violencias machistas, Rueda asegurou que hai que actuar en diferentes eidos: desde a prevención e detección temperá dun posible caso de violencia ata a resolución do problema con medidas policiais e xudiciais e o apoio posterior ás vítimas.

Precisamente, o acto institucional deste 25-N —celebrado baixo o lema ‘Entre todas e todos’— contou cunha mesa redonda sobre a prevención e sensibilización da violencia de xénero na que participaron representantes do eido xornalístico, educativo, sanitario, da policía e dos Centros de Información á Muller.

Compromiso da Xunta

Rueda, que estivo acompañado no acto pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, resaltou o compromiso da Xunta desde hai anos a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero.

Nesta liña, destacou como grandes fitos a nova Lei de igualdade —aprobada esta mesma semana no Parlamento— que blinda o benestar das mulleres e traballa para evitar calquera tipo de discriminación a este colectivo ou o incremento constante dos orzamentos destinados á área de Igualdade. A Xunta destinará o vindeiro ano case 54 millóns de euros a este departamento, catro veces máis que no 2009 cando o orzamento era de 13,8 millóns de euros. Da partida para o vindeiro ano, 23,5 millóns van destinados especificamente a medidas para a prevención da violencia contra a muller ou apoios ás vítimas.

No que vai de lexislatura, máis de 3.600 vítimas recibiron algunha axuda económica da Xunta, un millar de mulleres e menores foron atendidos na Rede Galega de Acollemento e máis de 1.200 recibiron neste 2023 atención psicolóxica de balde.

Ademais, o Goberno galego traballa cada día por adaptarse ás novas formas de violencia. Por iso, aprobouse un protocolo de actuación en caso de submisión química, estase a avanzar na detección da violencia dixital e, antes de que finalice o ano, vaise lanzar un protocolo de seguridade contra as agresións no lecer nocturno.