Román Rodríguez sitúa a Marina Mayoral como un referente que segue inspirando novos talentos

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na entrega do Premio José Luis Alvite 2021 outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia á escritora mindoniense

O representante da Xunta de Galicia gaba a brillante traxectoria de Mayoral como docente, escritora, académica, investigadora e xornalista

  • Román Rodríguez sitúa a Marina Mayoral como un referente que segue inspirando novos talentos
  • Román Rodríguez sitúa a Marina Mayoral como un referente que segue inspirando novos talentos
  • Román Rodríguez sitúa a Marina Mayoral como un referente que segue inspirando novos talentos

Mondoñedo (Lugo), 22 de outubro do 2021.-

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega do Premio José Luis Alvite 2021 outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) a escritora Marina Mayoral á que se referiu como un “exemplo a seguir para as novas xeracións”.

No transcurso do acto, celebrado no auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo, localidade da que é natural a galardoada, o representante da Xunta de Galicia gabou a brillante traxectoria da premiada como docente, escritora, académica, investigadora e xornalista. “Temos a sorte de vivir nun país no que abonda o talento e figuras que contribúen á nosa terra e cultura desde diferentes facetas como é o caso de Marina Mayoral, unha muller pioneira e unha figura de referencia que segue inspirando aos novos xornalistas e aos novos talentos que comezan no mundo da escritura”, salientou.

Neste senso, subliñou que o seu talento non se pode desligar da historia de Mondoñedo, unha vila que ten destacado “por ver medrar a algúns dos principais nomes da cultura galega como Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro ou a propia Marina Mayoral”.

A Asociación de Periodistas de Galicia acordou por unanimidade outorgar o Premio José Luis Alvite 2021 a Marina Mayoral, catedrática emérita de Literatura Española, escritora, columnista e académica de honor na Real Academia Galega desde o ano 2017. Ademais de publicacións traducidas a idiomas como o alemán, o italiano, o portugués, o catalán, o polaco, o inglés ou o chinés, Mayoral tamén realizou máis dun centenar de traballos de investigación entre os que destacan os centrados nas figuras de Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán.

Tema: