Rivo incide na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, participou hoxe en Lugo nunha nova xornada de Emprego sen etiquetas, organizada pola Xunta, para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan os homes

Puxo en valor o plan pioneiro que con 2,25 millóns de euros buscará en 2024 aumentar o emprego feminino en sectores masculinizados

A campaña ‘Ti elixes’, tamén da Xunta, está a traballar no ámbito educativo para que a xente nova medre sen prexuízos e rachando estereotipos de xénero

  • Rivo incide na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión
  • Rivo incide na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión

Lugo, 2 de abril de 2024.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, incidiu hoxe na clausura da xornada Emprego sen etiquetas, organizada en Lugo pola Xunta, na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección e no exercicio dunha profesión. O obxectivo desta iniciativa autonómica para impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan homes é concienciar sobre que as mulleres poden e deben escoller as súas profesións atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que aínda hoxe se transmiten.

O Goberno galego busca  contribuír á eliminación da fenda salarial e quere reverter esta situación fomentando unha conciencia libre de tópicos e de prexuízos á hora de escoller profesión e -ao tempo- estimulando o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.

Na xornada, por iso, participaron na mesa redonda catro mulleres dos sectores do metal, do forestal, da mecánica de aviación e do eido do transportes para dar conta das súas respectivas experiencias en sectores masculinizados.

Rivo clausurou o acto no que tamén salientou que Emprego sen etiquetas forma parte dunha estratexia ampla e ambiciosa que se está a impulsar desde a Xunta para acadar unha verdadeira igualdade laboral. Na súa opinión, é preciso, para elo, concienciar á sociedade desde idades temperás, pero o cambio tamén debe producirse, tal e como apuntou, no mundo da empresa, para que tamén saiban escoller ás persoas traballadoras en función das súas aptitudes e capacidades, deixando atrás calquera prexuízo de xénero.

Sobre a estratexia da Xunta para acadar a igualdade laboral, esta inclúe programas e campañas como Ti Elixes, que se desenvolve en centros escolares para concienciar á xente nova da importancia de elixir unha profesión en función unicamente das habilidades, capacidades ou motivacións persoais.

A iniciativa estase a realizar en centros de ensinanza secundaria que están polo xeral situados próximos a institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados. 

Novas axudas

O novo Plan de axudas para impulsar a presenza feminina en sectores masculinizados tamén forma parte desta estratexia. É unha nova iniciativa que se porá en marcha este ano con 2,25 millóns de euros de orzamento para conceder apoios á formación e á contratación.  A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego con axudas por cada muller insertada no mercado laboral de 7.500 euros.

O programa Emega de fomento do emprendemento e do emprego feminino, que cumpre xa 28 anos a prol da igualdade de oportunidades no eido laboral, é outra das actuacións da Xunta neste eido. Contribúe -entre outras cousas- a que en sectores onde adoitan predominar os homes comecen a destacar mulleres, non só como traballadoras senón tamén como empresarias prósperas.

Rivo tamén referiuse ao programa formativo Lideramos para impulsar o talento e liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos e sinalou que, en paralelo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén aposta pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral, con medidas para o impulso da corresponsabilidade e o fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas empresas.

Para rematar, afirmou que a promoción da igualdade laboral e de empresas responsables contribuirá, sen dúbida, a que o mercado de traballo siga evolucionando para seguir avanzando, cara unha Galicia máis equitativa e igualitaria.

Tema: