A Rede foi froito dun convenio entre a Fegamp e a Secretaría Xeral da Igualdade e o seu obxectivo é xuntar recursos e estratexias contra este tipo de maltrato
O feito de que un concello forme parte da Rede outórgalle máis puntuación na presentación dos seus programas á Orde de Subvencións para entidades Locais
Dos 133 concellos adheridos, 55 pertencen á provincia da Coruña; 22 á de Ourense; 28 á de Pontevedra e outros tantos á provincia de Lugo
Santiago, 11 de agosto de 2013.- A piques de cumprirse un ano da creación da ‘Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero’ xa son 133 os concellos galegos adheridos a esta iniciativa, froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinado o pasado setembro.
A ‘Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero’ configúrase como un instrumento que permite conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación para conseguir a súa implicación e compromiso real contra esta praga, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.
Así, ten como obxectivos promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detección precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte ao maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras. Todo isto mediante o desenvolvemento de accións que a Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades adheridas.
Dos 133 concellos adheridos actualmente á Rede, 55 pertencen á provincia da Coruña; 22 á de Ourense; 28 á de Pontevedra e outros tantos á provincia de Lugo. Ademais, o feito de que un concello forme parte desta Rede outórgalle máis puntuación na presentación dos seus programas á Orde de Subvencións para Entidades Locais promovida pola Xunta de Galicia, e que conta este ano cun orzamento de máis de tres millóns de euros.
A Secretaría Xeral da Igualdade ofrecerá novamente á Rede o último cuadrimestre do ano un conxunto de iniciativas que as entidades adheridas poderán solicitar en función das súas necesidades. Estas accións, ao igual que o ano pasado, non suporán custe para os concellos, que unicamente deben comunicar o seu interese por estas e cursar a correspondente solicitude.