A racionalización horaria e a conciliación son fundamentais para lograr a igualdade entre homes e mulleres en todos os eidos da vida

É preciso optimizar o noso tempo, de forma que se poida conciliar a vida familiar coa laboral, sen perder produtividade e sen que as mulleres sexan unha vez máis as máis prexudicadas por esa situación. A sociedade e o mercado laboral teñen un déficit coa igualdade e a conciliación que se non se soluciona terá graves consecuencias para unha sociedade cada vez máis envellecida. A secretaria xeral da Igualdade defendeu a necesidade de fortalecer as condicións do emprego feminino, facéndoo menos precario, favorecendo a incorporación ao traballo despois das baixas maternais, flexibilizando os horarios laborais, equiparando permisos paternais e maternais, fomentando o traballo a tempo parcial tanto para mulleres como para homes, e ampliando os servizos existentes de atención a  menores e persoas dependentes.

  • A racionalización horaria e a conciliación son fundamentais para lograr a igualdade entre homes e mulleres en todos os eidos da vida
  • A racionalización horaria e a conciliación son fundamentais para lograr a igualdade entre homes e mulleres en todos os eidos da vida

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe que a racionalización horaria, a conciliación da vida familiar e laboral e o apoio ás nais e pais traballadores é fundamental para restaurar o equilibrio demográfico e lograr unha maior igualdade entre mulleres e homes en todos os eidos da vida.

Na xornada "O tempo na empresa. Racionalización de horarios, conciliación e produtividade", enmarcada no V Ciclo "Horarios Racionais" da Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois (ARHOE), organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD),  tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz, o director xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Odilo Martiñá, o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, a secretaria xeral da Consellería de Traballo e Benestar, Cristina Ortiz, a delegada da Área de Familia e Asuntos Sociais do Concello de Madrid, Concepción Dancausa, o director de APD Noroeste, Santiago Sesto e o presidente da ARHOE, Ignacio Buqueras y Bach, entre outros.

Na súa intervención, Marta González, sinalou que "é preciso optimizar o noso tempo, de forma que se poida conciliar a vida familiar coa laboral, sen perder produtividade e sen que as mulleres sexan unha vez máis as máis prexudicadas por esa situación".

"A sociedade e o mercado laboral teñen un déficit coa igualdade e a conciliación e se non se lle da unha solución terá graves consecuencias", afirmou Marta González, que lembrou que "a racionalización horaria e a posibilidade de conciliar a vida familiar e laboral son problemas fundamentais para as mulleres, xa que na súa solución reside a posibilidade de conseguir maiores oportunidades de igualdade no ámbito profesional, algo que se ve lastrado en moitos casos pola desigualdade que supón, aínda hoxe, a maternidade e a asunción das responsabilidades do coidado de menores e persoas dependentes case en exclusiva polas mulleres", afirmou.

González lembrou que, tal como indica o último estudo da OCDE,  estar máis tempo no traballo non repercute nunha maior produtividade; unha proba diso é o feito de que en España se traballa máis horas que en Alemaña e os marcadores económicos son ben diferentes. Ademais, os datos de Eurostat do mes pasado sinalan que as nais españolas son as que teñen mais dificultades para acceder ao mercado laboral, superadas só por ás maltesas, italianas e gregas.

Estes datos indícannos que "temos un problema de reparto de responsabilidades, de conciliación, de proporcionalidade na representación das mulleres e de igualdade, o que non beneficia nin á sociedade nin á produtividade do noso sistema", dixo a secretaria xeral.

Ademais, dixo, non se pode esquecer o problema demográfico que sofre a nosa comunidade autónoma en particular, e España en xeral, onde nacen cada vez menos nenos e nenas, consecuencia, entre outras razóns, da falla de medidas de conciliación, xa que o desigual posicionamento das mulleres no mercado laboral é un dos primeiros factores para tomar a decisión de non ter descendencia.

"Hai unha ampla maioría de mulleres que desexan poder ser nais e ter unha carreira profesional, sen ter que sacrificar ningunha das dúas por ser incompatibles"; lembrou a secretaria xeral, e mencionou que os países da Unión Europea con maior índice de natalidade son os que teñen un máis alto nivel de emprego feminino e tamén os máis igualitarios, con moitos mecanismos de axuda para conciliar a vida laboral e persoal, como son os países nórdicos.

A secretaria xeral da Igualdade afirmou que é preciso "fortalecer as condicións do emprego feminino, facéndoo menos precario, favorecer a incorporación ao traballo despois de períodos de ausencia derivados da maternidade ou o coidado, flexibilizar e harmonizar os horarios laborais, equiparando permisos paternais e maternais, para potenciar a corresponsabilidade e o reparto de tarefas tamén no eido do posto de traballo, e fomentar o traballo a tempo parcial, tanto para mulleres como para homes, así como ampliar os servizos existentes de atención a menores e persoas dependentes".

Mentres non se dean esas medidas, "o futuro presenta un panorama moi incerto, no que se prevén aínda maiores dificultades á hora de modificar a tendencia demográfica", dixo Marta González, que lembrou algunha das actuacións que nese sentido se realizan dende a Xunta de Galicia, que foi pioneira en España en por en marcha o permiso de paternidade para o seu funcionariado, e unha das primeiras en promover con subvencións á redución de xornada para os varóns que coiden dos seus fillos e fillas, ou as axudas ás asociacións de nais e pais para que realicen actividades extraescolares que supoñan un verdadeiro apoio á conciliación familiar e á racionalización horaria.

A secretaria xeral da Igualdade rematou a súa intervención lembrando que apostar polas políticas familiares, pola conciliación, pola racionalización de horarios, polo apoio ás nais e pais traballadores, polo emprego feminino, "será a única maneira de conseguir restaurar o equilibrio demográfico nesta sociedade envellecida e de lograr maiores umbrais de igualdade entre mulleres e homes, algo imprescindible para maximizar o benestar familiar e social".

Colectivo: