Preto de 90 profesionais participan nas xornadas e sesións de formacións para impulsar as mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, avaliou co equipo técnico coordinador a iniciativa da Xunta dirixida ao persoal técnico e político das áreas de igualdade dos concellos galegos

Un dos obxectivos desta actuación foi o de xerar un espazo de intercambio e coñecemento sobre boas prácticas e accións de intervención para mellorar a loita contra a violencia de xénero

  • Preto de 90 profesionais participan nas xornadas e sesións de formacións para impulsar as mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero
  • Preto de 90 profesionais participan nas xornadas e sesións de formacións para impulsar as mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023.-

Preto de 90 profesionais (36 na Coruña, 11 en Lugo, 18 en Ourense e 24 en Pontevedra) participaron nas xornadas de divulgación da diagnose e recollida de propostas de traballo e sesións de formación e dinamización que organizou a Xunta para fortalecer o funcionamento das mesas locais de coordinación interinstitucional, onde están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra esta lacra social.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, avaliou o resultado co equipo técnico que coordinou esta iniciativa para impulsar e dinamizar as mesas locais, xa que, segundo explicou, xogan “un importante papel” para amplificar o coñecemento dos recursos dos que dispoñen as vítimas e dar a coñecer o protocolo galego de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, deseñado en 2018 no marco do Observatorio autonómico contra a violencia de xénero.

Xerar un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas e, a súa vez, recoller novas accións de intervención para unha maior transferencia das experiencias desde os territorios respecto das accións contra a violencia de xénero foi o obxectivo principal das catro xornadas que se desenvolveron nas catro provincias galegas e que estiveron dirixidas principalmente aos técnicos das áreas de igualdade dos concellos galegos.

As sesións de formación centráronse na adquisición de competencias e habilidades dos axentes que forman parte destas mesas para mellorar a capacidade de traballo destes espazos. En palabras de López Abella, é preciso seguir mellorando a resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz as situacións de violencia de xénero. “Esa eficacia pasa pola coordinación entre as institucións e os servizos públicos implicados, para atender con axilidade as necesidades das mulleres que sofren unha vulneración dos seus dereitos a causa da violencia machista”, engadiu. Esta axilidade na atención debe promoverse, segundo subliñou, en todos os ámbitos: sanitario, protección e seguridade, psicolóxico, residencial ou económico.

A Xunta está a traballar para intensificar o labor das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen. A posibilidade de dispor de mesas de coordinación destas características está aberta aos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada en 2012 no marco dun protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp). A través dela, o Goberno galego ofrece programas de sensibilización social en contra desta lacra.