Preto de 60 familias participan na décima "Xornada de nais e pais educando en igualdade" que promove a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta

Case 250 persoas, nenos e maiores, están a disfrutar desta xornada lúdica na que se invita a nais e pais a reflexionar sobre o que entendemos por educación en igualdade e os obstáculos que existen para conseguilo.

Preto de 60 familias, unhas 250 persoas, participan hoxe na décima edición da "Xornada de nais e pais educando en igualdade" que se está a celebrar ao longo de todo o día na Illa de San Simón, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Son case 250 persoas, nenos e maiores, as que están a disfrutar de diversas actividades como obradoiros, xogos e concertos que se prolongarán ata as 19:00 horas de hoxe.

A catedrática de Historia da Educación das Mulleres da Universidade de Sevilla, Consuelo Flecha, foi e a encargada de pronunciar a conferencia inaugural desta décima "Xornada de nais e pais educando en igualdade", na que tamén participa a secretaria xeral deste departamento da Xunta, Marta González.

Na súa ponencia, de título A coeducación na familia, Flecha salientou cómo o cambio nas relacións sociais entre homes e mulleres inflúe na tarefa educativa das familias porque exixe de novas dinámicas. A igualdade, segundo resaltou, tense convertido "nunha referencia para moitas persoas", no ámbito da convivencia, das oportunidades e da xustiza e, tamén, á hora de desenvolver calquera proxecto educativo.

Consuelo Flecha invitou a reflexionar sobre o que entendemos por educar en igualdade e as dificultades que na nosa vida diaria nos atopamos para poñelo en práctica, tamén , no eido familiar.

Esta décima "Xornada galega de nais e pais educando en igualdade" pretende achegar recursos para a socialización nos valores da igualdade e do respecto a través destas xornadas lúdicas orientadas a que nenos e nenas entendan dun xeito natural a igualdade de roles entre homes e mulleres.

Desde a Secretaría Xeral da Igualdade recoñécese o papel fundamental da familia no proceso de construción da personalidade coa que nenas e nenos adquiren os seus primeiros coñecementos e aprenden a relacionarse co seu entorno, interiorizando determinadas pautas de coñecemento.

Por esta razón o Seminario Permanente de Educación en Igualdade vén impulsando desde o ano 1998 a realización de xornadas de formación de xénero especificamente dirixidas ás persoas con responsabilidades familiares que teñen interese en ofrecer ás súas fillas e fillos unha educación en igualdade, libre de estereotipos de xénero.

Colectivo: