A presenza feminina nos procesos de negociación laboral ten que ser maior para lograr a igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, a secretaria xeral da Consellería de Traballo, Cristina Ortiz, e o Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Ángel Fernández López, defenderon hoxe na apertura da xornada "Igualdade de Xénero nas Relacións Laborais" a importancia de que nas negociacións colectivas se aplique o principio da transversalidade de xénero.

Estas xornadas, organizadas polo Consello Galego de Relacións Laborais, teñen como obxectivo analizar a evolución da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega, dando conta de exemplos prácticos de negociación de plans de igualdade e de articulación de medidas nese mesmo sentido.

No acto inaugural, o presidente do Consello recoñeceu que os convenios colectivos "son pobres" en materia de igualdade, xa que teñen "carencias" de contido, xa que as leis estatal e autonómica nesta materia aínda non se aplican suficientemente.

Demetrio Fernández sinalou que moitos dos convenios ignoran que hai mulleres no sector ou na empresa, outros teñen discriminacións indirectas, algúns inclúen referencias aos mandatos das lei con efecto pedagóxico, pero non van máis alá. Só uns poucos contemplan medidas que fomentan realmente a igualdade, como por exemplo que, a igualdade de méritos e capacidade, prime nos ascensos o sexo menos representado nos postos directivos. Na súa opinión, esta situación débese a que nos procesos de negociación só interveñen un 18% de mulleres e aínda menos son portavoces.

Igualdade e conciliación

A secretaria xeral da Igualdade recoñeceu que, nos últimos anos, as modificacións lexislativas en materia de igualdade que inciden no ámbito das relacións laborais teñen sido moi importantes, promovéndose especialmente que a negociación colectiva integre a promoción da igualdade de oportunidades e de trato no ámbito laboral, a través dos plans de igualdade ou doutras medidas.

Sen embargo, admitiu, a elaboración dun plan de igualdade, ou mesmo das medidas articuladas correspondentes, no caso no que a empresa non esté obrigada a conformalas nun plan, é un proceso complexo, que require un tempo axeitado e unha reflexión conxunta para a elaboración da diagnose, a partir da cal se negociarán os obxectivos e medidas que conformarán ese plan ou esas medidas.

Marta González considerou que aínda e moi cedo para facer unha avaliación sobre o grao de transformación e o impacto da nova lexislación no eido da negociación colectiva, aínda que considerou moi positivas as modificacións de carácter formal que se teñen dado nas estruturas administrativas oportunas, como é o caso da Comisión creada no Consello Galego de Relacións Laborais.

Na opinión da responsable de Igualdade, o papel dos axentes sociais nesta tarefa é clave, así como o das administracións públicas, pero para que a igualdade chegue completamente ao ámbito laboral, é necesaria a formación e a sensibilización dos axentes sociais, empresariais, e fundamentalmente das persoas que se atopan nas mesas de negociación, comités de empresa ou comisións mixtas de seguimento.

A formación deses axentes debe atender a cuestións tan diversas como os usos do tempo e a conciliación, a incorporación das mulleres ao mercado de traballo e as condicións nas que esta incorporación se levou a cabo. Tampouco pódese esquecer a violencia contra as mulleres -incluíndo o acoso no ámbito laboral- tanto desde a óptica da prevención como desde a actuación ante este grave problema social.

Marta González tamén destacou a importancia de que homes e mulleres logren conciliar a vida familiar, persoal e laboral, xa que iso está relacionado coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Para iso, é preciso que a conciliación se plantexe dende unha tripla vertente:

  • Conciliar a maternidade e a familia co emprego, no caso das mulleres, pero tamén conciliar a paternidade e a familia co emprego.
  • Desde o empresariado, conciliar para respectar os dereitos laborais e sociais das nais e pais.
  • Desde as administracións públicas e desde o ámbito laboral, facilitar aos homes un achegamento á vida familiar, o que se denomina corresponsabilidade.
  •  

No final da súa intervención, a secretaria xeral da Igualdade, se referiu a necesidade de traballar para eliminar a brecha salarial de xénero, é dicir, a diferenza relativa que existe na media dos ingresos brutos por hora, de mulleres e homes, en todos os sectores da economía. En toda a UE, as mulleres gañan por termo medio un 17,4% menos que os homes.

Marta González rematou citando a Concepción Arenal cando dicía que "A sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano", e engadiu que no ámbito laboral, "hoxe máis que nunca, pola situación de crise na que nos atopamos, é fundamental que toda a sociedade nos esforcemos por aproveitar todo o potencial humano do que dispomos". Por iso, ofreceu ao Consello toda a colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade.

Mulleres e poder

A inauguración da xornada foi pechada pola secretaria xeral da Consellería de Traballo, Cristina Ortiz, que destacou o contraste que se produce co feito de que o 55% do estudiantado universitario son mulleres e sen embargo o xénero feminino é o que mais carencias ten no mercado laboral, con salarios máis baixos, menor calidade do traballo, e menos postos de dirección (en Galicia só o 6% dos postos directivos de grandes empresas están ocupados por mulleres).

A lei de Igualdade prevé que en 2015 o 40% dos cargos directivos sexan mulleres e para iso dende o goberno da Xunta de Galicia lévanse accións de impulso para facer efectivo o principio de igualdade e corresponsabilidade. Para iso, sinalou Ortiz, é importante a creación de organismos como a Comisión Consultiva para a Igualdade de Homes e Mulleres nas Relacións Laborais, xa que dende aí se van revisar os textos dos convenios colectivos para detectar as carencias do principio de igualdade: só despois de detectar os problemas poderán combaterse.

Colectivo: