Os medios son unha ferramenta indispensable para acabar cos estereotipos de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, apelou hoxe en Madrid á responsabilidade dos medios de comunicación para acabar cos estereotipos sexistas que tanto axudaron a construír, limitando a posibilidade dunha sociedade verdadeiramente igualitaria con valores como a corresponsabilidade.

  • Os medios son unha ferramenta indispensable para acabar cos estereotipos de xénero
  • Os medios son unha ferramenta indispensable para acabar cos estereotipos de xénero
  • Os medios son unha ferramenta indispensable para acabar cos estereotipos de xénero
  • Os medios son unha ferramenta indispensable para acabar cos estereotipos de xénero

Ao remate da reunión de persoas expertas "Igualdade e Medios de Comunicación", organizada polo Ministerio de Igualdade, no ámbito da presidencia española de turno da Unión Europea, Marta González indicou que "os medios de comunicación manteñen en boa medida os estereotipos sexistas da sociedade máis tradicional" e por iso "deben asumir a responsabilidade de rompelos e crear unha sociedade máis igualitaria".

Na maioría dos casos, recoñeceu a responsable da área de Igualdade do goberno galego, eses estereotipos sexistas e discriminatorios "transmítense dunha forma inconsciente", tanto na imaxe que reproducen das mulleres como no tratamento que se lle da aos temas relacionados coas mulleres ou ás propias mulleres cando están en postos de poder. Por iso, dixo, "é necesario que os medios, de forma consciente, sexan capaces de corrixilos e transmitir valores igualitarios e non sexistas".

Para lograr ese obxectivo, a secretaria xeral da Igualdade avogou pola formación, para introducir a perspectiva de xénero nos medios de comunicación, pero non só "nos xornalistas, tamén nos directivos dos medios". De feito, "o tema de xénero debería ser unha materia transversal nos estudos de comunicación e xornalismo".

Na opinión de Marta González, o feito de que haxa poucas mulleres nos postos de dirección dos medios de comunicación supón que "os temas de mulleres no formen parte da axenda dos medios, e cando o logran reciban un trato discriminatorio", polo que tendo en conta que na nosa sociedade "o que non aparece nos medios non existe", o papel das mulleres e do seu traballo para conseguir unha maior igualdade "é moitas veces invisible".

Durante a xornada de hoxe falouse de que os estereotipos sexistas non só son transmitidos polos medios de comunicación informativos, senón tamén polos produtos de entretemento e pola programación infantil. "O sexismo e a falta de valores igualitarios que transmiten algunhas series e programas de televisión son maiores e incluso máis graves que os dos programas informativos, xa que chegan a máis xente e as imaxes que transmiten son máis potentes que as dun xornal ou un telexornal", destacou a secretaria xeral da Igualdade, que tamén lamentou o trato que se segue dando moitas veces ás mulleres na publicidade, aínda que "existe unha maior conciencia neste eido e unha parte significativa da cidadanía o evidencia e o denuncia nas canles establecidas".

Durante a reunión de hoxe presentáronse diversos estudos sobre o papel e o tratamento das mulleres e dos temas de igualdade nos medios de comunicación, constatándose que existe un desequilibrio xerárquico e informativo, cuantitativo e cualitativo, entre mulleres e homes.

Feitos vitais: