As obras do Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas de violencia de xénero en Santiago vanse licitar este mes de xullo

A Secretaría Xeral da Igualdade definirá o proxecto e o modelo de atención do centro, que disporá dunha superficie de 504 m2 repartidos en dúas plantas.

Multimedia

Santiago, 5 de xullo de 2011.- As obras de acondicionamento do edificio que albergará o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero da Xunta de Galicia vanse licitar este mes de xullo, cun presuposto de 458.565 euros e un prazo de execución de 6 meses. A licitación da obra vaise acometer trala sinatura do documento de concesión do inmoble, de titulariedade municipal, asinado esta mañá no Pazo de Raxoi polo alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, e a secretaria xeral Técnica e do Patrimonio da Xunta de Galicia, Rosa María Pedrosa.

Segundo o acordo asinado, o Concello outorga a concesión deste inmoble á Xunta polo prazo de 15 anos, prorrogable por outros dous periodos consecutivos de 5 anos. O edificio, situado en Santiago de Compostela, ten 504 m2 de superficie, distribuidos en dúas plantas.

A sinatura da cesión do edificio á Xunta para este uso representa un paso definitivo na tramitación do proxecto e pon fin a un proceso administrativo iniciado en 2007 polo goberno bipartito, co peche da Casa de Acollida municipal de Santiago para a súa conversión nun Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.

O novo centro, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Traballo, ten como obxectivo a atención cunha perspectiva multidisciplinar das mulleres residentes en Galicia que sofren violencia de xénero e das súas fillas e fillos, mediante un sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.

A Secretaría Xeral da Igualdade está a avanzar na definición do proxecto e o modelo de atención do centro, que estará dimensionado para atender un grupo que pode oscilar entre 20 e 30 persoas, así como no perfil do equipo profesional. O equipo terá carácter multidisciplinar e estará formado por profesionais que desenvolverán programas específicos de atención nos eidos legal, psicolóxico, educativo e formativo, entre outros, orientados a favorecer o benestar individual e familiar das mulleres, en condicións de liberdade e igualdade.

Mediante terapias individuais e grupais, utilizarán técnicas de mellora da autonomía persoal, integración na vida social e laboral, recuperación de destrezas, habilidades e autoestima, normalización da relación familiar e restablecemento dos vínculos afectivos materno-filiais.