O pioneiro Programa de navegación terapéutica desenvolvido en Baiona para vítimas da violencia de xénero chegou en 2021 a 16 mulleres e 21 menores

A Xunta contribuíu a promover a iniciativa, en colaboración co Real Club de Yates da localidade, co obxectivo de que as mulleres e nenos e nenas ao seu cargo poidan gañar confianza e participar en actividades que reforzan a autoestima e a toma de decisións

Grazas á colaboración entre ambas as dúas entidades, contribuíuse tamén á presenza de tripulacións femininas en torneos de vela por primeira vez e á divulgación desta práctica por parte das deportistas 

  • O pioneiro Programa de navegación terapéutica desenvolvido en Baiona para vítimas da violencia de xénero chegou en 2021 a 16 mulleres e 21 menores
  • O pioneiro Programa de navegación terapéutica desenvolvido en Baiona para vítimas da violencia de xénero chegou en 2021 a 16 mulleres e 21 menores
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022.-
 
Un total de 16 mulleres vítimas da violencia de xénero e 21 das súas fillas e fillos menores de idade participaron en Baiona, o ano pasado, no programa de navegación terapéutica Vela contra a violencia de xénero froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Monte Real Club de Yates da localidade que a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, ven de coñecer de primeira man.
 
Grazas a esta iniciativa, que a Xunta apoiou con case 15.000 euros, estas mulleres vítimas e os menores ao seu cargo puideron practicar actividades adaptadas de vela co obxectivo de mellorar a confianza en si mesmas e rachar coa realidade que viven.
 
Para acadalo, deseñáronse recursos específicos para reducir o impacto emocional nas vítimas, coa perspectiva de minimizar o seu estado de ansiedade; acadar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, intelectuais, sociais e emocionais; fortalecer a autoestima e a súa resistencia ante as adversidades; e potenciar a empatía, a escoita activa e as relacións saudables.
 
Ademais co impulso deste deporte entre estas mulleres vulnerables, a Xunta contribúe a mellorar a súa saúde física e emocional, a incrementar o impulso na toma de decisións e ofrece recursos para a xestión das emocións e da comunicación.
 
O programa artellouse en grupos de oito membros e en actividades de mulleres e nenas e nenos. Con isto contribúese a que tanto as nais como as nenas e nenos gañen momentos de tranquilidade e poidan desfrutar da experiencia con autonomía.
 
As actividades, que se celebraron entre o 20 de maio e o 1 de outubro de 2021 contaron con participantes usuarias do Centro de Recuperación Integral (CRI) de Santiago como do Centro de Emerxencias para Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (Cemvi). O programa incluíu sesións de coñecemento da Bahía de Baiona, teoría e práctica da vela ou de seguridade na navegación.
 

Vela en feminino

O club baionés, por outra banda, recibiu en 2021 unha axuda de algo máis de 18.000 euros da Xunta para a promoción e difusión da muller no mundo da vela e favorecer a igualdade entre homes e mulleres nesta disciplina deportiva.

Co obxectivo de aumentar a súa presenza nesta disciplina, tripulacións femininas puideron participar en 5 trofeos, nalgúns deles por primeira vez, como foi o caso do Trofeo Repsol con 18 regatistas. Tamén no Campionato galego de a dous -no que se concederon o ano pasado, con carácter pioneiro, premios para as mellores tripulacións feminina e mixta- e no Circuíto Nacional Feminino de Biskaia e Mallora e a Liga Nacional Feminina, entre outros.

Grazas á colaboración entre o Goberno galego e o Club de Yates, tamén se elaboraron o ano pasado pezas audiovisuais sobre a presenza de mulleres na vela e outras iniciativas para divulgar a vela en clave feminina.