O Observatorio galego LGBTIQ+ acorda impulsar este órgano para convertelo na canle de referencia entre as administracións e o colectivo

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, que presidiu o encontro en funcións, defendeu o compromiso real da Xunta coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI

  • O Observatorio galego LGBTIQ+ acorda impulsar este órgano para convertelo na canle de referencia entre as administracións e o colectivo
  • O Observatorio galego LGBTIQ+ acorda impulsar este órgano para convertelo na canle de referencia entre as administracións e o colectivo

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024.-

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Observatorio LGBTIQ+) acordou esta mañá impulsar este órgano e darlle máis visibilidade para convertelo na canle de referencia entre as administracións e o colectivo.

Foi durante a sesión plenaria celebrada en Santiago de Compostela, presidida, en funcións, pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, quen incidiu no compromiso real da Xunta coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI. “Estou convencida de que si é posible que as persoas que formamos parte do colectivo LGTBI nos sintamos coa liberdade de ser, existir e amar en calquera contexto do noso día a día”, reivindicou a directora xeral.

Neste sentido, María Quintiana lembrou que Galicia foi a primera comunidade en aprobar unha lei LGTBI autonómica, e destacou a nova Lei de igualdade, de novembro do ano pasado, coa que se redobran os esforzos na loita contra a discriminación por razón de sexo ou identidade de xénero e as condutas LGTBIfóbicas en xeral.

Acordos do Observatorio

O Observatorio LGBTIQ+ procedeu á renovación da vicepresidencia do órgano, coa elección de Elisabet Pérez Costas, da entidade Nós Mesmas. Aprobouse, ademais, a colección de decálogos ilustrados contra a LGTBIfobia, elaborados a partir das conclusións dos informes de varios grupos de traballo, e encargouse a elaboración dun informe sobre a situación dos migrantes LGTBIQ+ en Galicia.

Tamén se abordou o informe de incidentes de odio correspondente ao ano 2022 e o balance do Protocolo de violencias sexuais e LGBTIfóbicas nos espazos de ocio nocturno, ao que xa se adheriron 17 establecementos das catro provincias galegas. 50 profesionais destes locais recibiron un curso de formación.

Proximamente incrementarase a difusión do Protocolo, coa distribución de exemplares entre os concellos adheridos á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, os Centros de Información á Muller (CIM), os centros Quérote+ e os Espazos Xoves.

Esta sesión plenaria do Observatorio LGBTIQ+ destacou pola boa acollida en canto á asistencia, coa presenza de 26 vogalías e 6 persoas de asistencia técnica do Observatorio e da dirección xeral de Promoción da Igualdade.

Participaron representantes das entidades ALAS, Areas, Avante, CASCO, LesWorking, Nós Mesmas, Rede educativa de apoio LGBTIQ+ de Galicia e Trans Miño; da Delegación do Goberno en Galicia; dos sindicatos CIG, CSIF e UGT; da Confederación de Empresarios de Galicia; da FEGAMP; do Consello Galego de Relacións Laborais da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña; e dos distintos departamentos da Xunta como Sanidade, Deporte, Xuventude, Medios, Xustiza, Emprego, Política Social, Sanidade e Educación.

Tema: