- Galego
- Castellano
Situado en Santiago, as obras son licitadas por tramitación urxente cun presuposto de 458.565 euros e un prazo de execución de seis meses.
Santiago, 22 de xullo de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar pola que se licita a contratación da obra de reforma e acondicionamento do edificio que albergará o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero da Xunta de Galicia. Trátase dun inmoble situado en Santiago, de 504 m2 de superficie, distribuidos en dúas plantas.
A obra, licitada por tramitación urxente e procedemento aberto por un importe de 458.565 euros, está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do actual programa operativo. A empresa que resulte adxudicataria terá un prazo de seis meses para a execución das obras no edificio que, sendo de propiedade municipal, foi cedido á Xunta por un prazo de 15 anos, prorrogable por outros dous periodos consecutivos de 5 anos, en virtude do convenio asinado entre as partes o pasado 5 de xullo.
O novo centro, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Traballo, estará destinado á atención e recuperación das mulleres residentes en Galicia que sofren violencia de xénero e das súas fillas e fillos cunha perspectiva multidisciplinar, mediante un sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico.
A Secretaría Xeral da Igualdade está a avanzar na definición do proxecto e o modelo de atención do centro, que estará dimensionado para atender un grupo que pode oscilar entre 20 e 30 persoas, así como no perfil do equipo profesional. O equipo terá carácter multidisciplinar e estará formado por profesionais que desenvolverán programas específicos de atención nos eidos legal, psicolóxico, educativo e formativo, entre outros, para favorecer o benestar individual e familiar das mulleres, en condicións de liberdade e igualdade. Mediante terapias individuais e grupais, aplicaranse técnicas de mellora da autonomía persoal, integración na vida social e laboral, recuperación de destrezas, habilidades e autoestima, normalización da relación familiar e restablecemento dos vínculos afectivos materno-filiais.
A recente cesión do inmoble e a licitación das obras publicada hoxe representan o paso definitivo na tramitación do proxecto, poñendo fin a un longo proceso administrativo iniciado en 2007 polo goberno bipartito, co peche da Casa de Acollida municipal de Santiago para a súa conversión nun Centro de Recuperación Integral de mulleres vítimas da violencia de xénero.