O DOG publica a convocatoria de axudas a proxectos de atención integral para vítimas de explotación sexual e trata

As axudas están dirixidas a subvencionar proxectos que apoien a súa recuperación e integración social e laboral a través de accións de atención inmediata e psicolóxica; asesoramento social, xurídico e laboral; e programas de atención en traballo de rúa

A convocatoria para 2020 conta cun orzamento de 450.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros

Multimedia

O DOG publica a convocatoria de axudas a proxectos de atención integral para vítimas de explotación sexual e trata

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para 2020 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. A orde de axudas conta cun orzamento de 450.000 euros cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

As axudas destinaranse a subvencionar proxectos de atención integral co obxectivo de apoiar a recuperación e integración social e laboral destas vítimas de trata de seres humanos. As iniciativas financiadas inclúen accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais para a atención inmediata destas vítimas; asesoramento social e actuacións de apoio directo para realizar trámites administrativos; atención psicolóxica; orientación e asesoramento xurídico e laboral; así como programas de atención en traballo de rúa, coa finalidade de achegar aos lugares onde poden atoparse vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos existentes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria, as entidades de iniciativa social que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, carezan de ánimo de lucro e teñan o seu domicilio social ou delegación en Galicia. O importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe e realizaranse de forma obrigatoria a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).