O Consello da Xunta aproba o convenio de colaboración entre a Secretaria Xeral da Igualdade e o Colexio de Psicoloxía para a atención ás vítimas de violencia de xénero

A Secretaría Xeral da Igualdade aportará 154.600 euros ao Colexio de Psicoloxía para a atención das vítimas e as súas familias, así como aos homes con problemas de violencia no eido familiar que queiran aprender novas condutas.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o contido do convenio de colaboración que nos vindeiros días asinarán a Secretaría Xeral da Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a realización dos programas de Atención Psicolóxica a Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e ás súas familias, e Abramos o Círculo, destinado a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

Neste convenio establécese que a Secretaría Xeral da Igualdade aportará 154.600 euros, dos que 120.000 están destinados ao Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero e 34.600 ao programa Abramos o Círculo, dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia e co seu círculo social e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade, e que non teñen unha condena por malos tratos.

Atención psicolóxica ás vítimas

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero está dirixido a aquelas mulleres que teñan sufrido violencia de xénero ou doméstica, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación.

O programa, que se iniciou no ano 2004, conta cunha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, préstase un servizo telefónico de asesoramento e derivación para atención terapéutica personalizada.

No ano 2010 beneficiáronse deste programa 509 persoas, 157 máis que no ano 2009. Delas, 376 foron mulleres, 129 menores e 4 persoas dependentes da vítima, que foron atendidos por 57 profesionais da psicoloxía.

Programa Abramos o Círculo

Trátase dun programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella e coa súa familia e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade. Os homes acceden a este programa de forma voluntaria, e non poden ter unha condena por malos tratos. 

O programa, que se iniciou no ano 2001, ten como finalidade ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación a homes que recoñezan ter problemas de control da violencia no ámbito familiar, e ofrece dúas áreas de intervención: información e atención e intervención psicolóxica personalizada.

No ano 2010 beneficiáronse deste programa un total de 64 homes, 16 máis que en 2009, e participaron 21 profesionais da psicoloxía.