O Consello aproba as novas axudas de Igualdade para favorecer a conciliación

O Consello da Xunta aprobou hoxe a convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade de axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, nos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario favorecer e impulsar a conciliación do traballo e da vida familiar de mulleres e homes adoptando medidas que a faciliten, polo que este ano, por primeira vez, realiza esta convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, de programas de actividades complementarias e extraescolares nos centros educativos de educación infantil e primaria de Galicia que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, durante o período comprendido entre o 1 de setembro de 2010 e o 30 de xuño de 2011.

A necesidade de conciliar a vida familiar e laboral leva consigo, ademais dos cambios necesarios no ámbito lexislativo, a obriga de promover servizos e recursos complementarios que faciliten a conciliación, como son os servizos de atención a menores que permitan adecuar os horarios escolares cos horarios laborais das familias. Os poderes públicos deben porse á cabeza na creación de programas e accións facilitadores da conciliación, principal obxectivo desta actuación da Secretaría Xeral da Igualdade.

Esta convocatoria de axudas ás asociacións de país e nais do alumnado está dotada con 300.000 euros, e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo nun 80%. Poderán concorrer as subvención as asociacións de nais e pais de alumnado dos centros educativos sostidos con fundos públicos que estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Poderán ser obxecto de subvención a organización e xestión da realización de actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria que fomenten o desenvolvemento integral das persoas e a igualdade entre os xéneros. Centraranse, fundamentalmente, en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos e deportivos. Estas axudas sufragarán ata un máximo do 50% do custo da actividade, sen que en ningún caso se poida superar a contía de 6.000 euros por entidade.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, que será no inicio de setembro coincidindo con inicio do curso escolar.