O Arquivo de Galicia celebra o 8 de marzo cunha exposición que percorre o papel da muller na economía familiar e a súa incorporación ao traballo

A mostra organizada pola Xunta, ‘Mulleres sobranceiras: entre a economía doméstica e o mundo empresarial’, conta con documentos desde o S.XVI ata a actualidade

Inclúense testamentos, escrituras de compra-venda, libros de contas ou correspondencia, entre outras

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca que ata ben entrado o século XIX “non comezou un interese polo comportamento económico das mulleres”

  • O Arquivo de Galicia celebra o 8 de marzo cunha exposición que percorre o papel da muller na economía familiar e a súa incorporación ao traballo
  • O Arquivo de Galicia celebra o 8 de marzo cunha exposición que percorre o papel da muller na economía familiar e a súa incorporación ao traballo
  • O Arquivo de Galicia celebra o 8 de marzo cunha exposición que percorre o papel da muller na economía familiar e a súa incorporación ao traballo
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022.-
 
A Xunta inaugurou hoxe no Arquivo de Galicia, coincidindo coa celebración do 8 de marzo, a exposición Mulleres sobranceiras: entre a economía doméstica e o mundo empresarial. A mostra, que poderá visitarse ata finais de ano, pretende visibilizar o papel desenvolvido pola muller ao longo da historia na economía familiar, tanto no fogar como coa súa incorporación ao mundo laboral, e que quedou reflectido en documentación de diversa tipoloxía.
 
Os documentos expostos abarcan un amplo período que vai do século XVI ata a actualidade, tempo no que se foron producindo grandes cambios. Así, durante o acto, o secretario xeral de Cultura sinalou que ata ben entrado o século XIX “as mulleres non acadaron o interese dos estudos de análise económica, e será a partir da súa incorporación ao traballo das fábricas nos países industrializados e da irrupción dos movementos sufraxistas cando comece o interese polo seu comportamento económico”.
 
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo fincapé na “reflexión sobre o rol desempeñado tradicionalmente polas mulleres na economía, tanto no ámbito doméstico como no mercado laboral a través desta pequena mostra coa que o Arquivo de Galicia quere celebrar o Día Internacional da Muller”. Na inauguración interviron, ademais, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Mª Carmen Calviño.

Dos libros de contas domésticos a documentos empresariais

O percorrido amosa 36 documentos custodiados na Cidade da Cultura que foron cedidos por fondos públicos e privados como son o Fondo Vilariño Pintos, o da familia Pita da Veiga, o da Casa de Noceda ou o da Casa de Comercio e Banca Bengoechea. Entre as pezas atópanse escrituras de testamentos, de compra-venda ou de dote. Destaca o manuscrito dun libro de receitas de 1874, unha carta de 1914 no que unha muller solicita a mediación do seu curmán ante o trato do seu marido, ou axendas cos gastos diarios da casa. Desde o punto de vista empresarial pódense contemplar libros de contas ou cartas comerciais de empresas dirixidas por mulleres na súa condición de viúvas.

Completan a mostra documentos que amosan un papel de maior independencia en sectores nos que as mulleres tradicionalmente asumiron un papel protagonista como as actividades ligadas ao marisqueo ou determinados ámbitos profesionais como os salóns de peiteado. Tamén queda reflectida a evolución cara a súa incursión en eidos que se vinculaban mais cos homes. Ademais, tamén se poden observar expedientes tramitados pola Administración pública para autorizar determinadas actividades.

A exposición está comisariada por María del Mar García Miraz, xefa de Servizo do Arquivo de Galicia; Concepción García, xefa de Sección do Arquivo Dixital de Galicia; e Miguel López Sánchez, técnico de Arquivos. Con esta proposta a Xunta da súmase ás homenaxes polo 8 de marzo, contribuíndo a afondar neste eido, o da economía, cunha perspectiva de xénero. A compilación de documentos responde a unha visión global do avance colectivo ao longo da historia, en lugar de centrar esta exposición de “Mulleres sobranceiras” nunha soa figura, como viña sendo habitual en anos anteriores.

A mostra pode visitarse no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia no seu horario de apertura, con acceso de balde.

Tema: