O Observatorio da Sociedade da Información adscrito á Amtega publica o estudo temático “As mulleres no sector TIC. Edición 2014”

As mulleres representan o 38,6% do total de traballadores do hipersector TIC galego

O Sector Contidos rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%

O emprendemento feminino no Hipersector TIC sitúase no 30%

O 33,4% dos traballadores do sector tecnolóxico son homes con formación TIC de grao medio ou superior fronte ao 11,7% de mulleres coa mesma titulación

Só o 16,4% das mulleres que traballan no sector TIC de Galicia desenvolve funcións TIC

Santiago 31 de xaneiro de 2015.- A porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra o sectores tecnolóxico e de contidos, é do 38,6%, un valor semellante ao dos últimos tres anos. No Sector Contidos é onde se rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%.

Son datos afastados das cifras xerais do mercado laboral galego, no que a porcentaxe de mulleres en alta laboral na Seguridade Social sitúase no 47,2%. Unha das principais causas desta baixa representación feminina no eido tecnolóxico, tanto a nivel europeo como galego, reside na escasa predisposición da muller a escoller estudos no ámbito TIC.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A fenda de xénero no sector contidos é máis reducida que no sector TIC
No caso do sector TIC galego, as mulleres representan o 37,7% do total de traballadores, manténdose en valores estables nos tres últimos anos. A incorporación de mulleres ao sector Contidos sitúa a porcentaxe feminina nun 41,4%.

Outro dato que constata o déficit na representatividade feminina do sector TIC galego é que só a metade das empresas TIC galegas contan con algunha muller entre o seu persoal.

O emprendemento feminino no Hipersector TIC é reducido. Só 3 de cada 10 autónomos do Hipersector TIC son mulleres e esta situación mantense practicamente invariable nos últimos 4 anos.

A formación académica das mulleres das empresas TIC galegas
Mentres que o 33,4% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 11,7% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Estas porcentaxes son un reflexo da aínda escasa presenza das mulleres en carreiras tecnolóxicas, o que constitúe unha das barreiras para a plena incorporación das mulleres ás empresas TIC.

Tamén cabe salientar, a significativa fenda existente nos traballadores do sector TIC con ciclos formativos Superiores TIC: 21% de homes fronte a tan só un 3,7% de mulleres.

Os roles das mulleres no cadro de persoal das empresas TIC galegas
O estudo do Osimga indica que o 16,4% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 64,5% dos homes. No caso do persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (6,6%) é só 1,9 puntos inferior á dos homes (8,5%).

O persoal que traballa nos departamentos de I+D+i das empresas é claramente masculino, cunha representación do 82,9%, fronte un 17,1% de mulleres..

Recomendación europea
Dende a Comisión Europea estanse a tomar unha serie de medidas encamiñadas a fomentar a inserción da muller nos estudos relacionados co sector TIC, focalizando as súas accións en dar a coñecer os beneficios que ofrecen os traballos TIC ás mulleres, como por exemplo: menos desemprego xa que é un sector en auxe, horarios máis flexibles, que permiten conciliar mellor a vida laboral e familiar e maiores salarios xa que as mulleres do sector TIC gañan un 9% máis que as traballadoras doutros sectores.

Entre as iniciativas para vencer o desinterese polas TIC, cómpre destacar “Every Girl Digital”, que fai énfase na divulgación das tarefas diarias das propias mulleres que traballan no ámbito das TIC

Na Axenda Dixital de Galicia recóllense liñas de actuación referidas á participación das mulleres na Sociedade da Información. Entre elas, fomentar o Voluntariado Dixital e a formación a través Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Cemit) para impulsar as TIC entre as mulleres e levar a cabo programas formativos orientados a mulleres e asociacións de mulleres, que incentiven unha maior participación das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC.

Poden consultarse os datos deste informe nesta ligazón.