Mulleres galegas poñen en marcha 71 proxectos empresariais financiados por Igualdade

Están enmarcados no programa EMEGA da Secretaría Xeral da Igualdade de apoio ao emprendemento feminino, dotado este ano con  683.000 euros

A titular de Igualdade anuncia na Feira de Autónomos de Galicia, en Expocoruña, novidades para o vindeiro ano na convocatoria das axudas deste programa, vencelladas ao apoio á conciliación

Multimedia

A Coruña, 5 de decembro de 2011.- O emprendemento feminino en Galicia conta este ano con 71 novos proxectos, postos en marcha ao abeiro das subvencións da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 683.000 euros do programa denominado EMEGA, de apoio ao emprendemento feminino. No seu conxunto, estas 71 iniciativas empresariais van xerar un total de 93 postos de traballo, dos que 78 son por conta propia e 15 por conta allea. Cada proxecto empresarial percibe unha axuda que oscila entre os 8.000 e os 18.000 euros, en función do número de postos de traballo creados.

Estes datos foron ofrecidos hoxe pola titular de Igualdade, Susana López Abella, na xornada de Apoio ao autoemprego feminino, organizada pola Asociación de Mulleres Profesionais e Autónomas de Galicia no marco da XVIII Feira de Autónomos que se celebra en Expocoruña, na que destacou que "a conciliación é aínda máis difícil para as mulleres autónomas", apuntando que a conciliación é á vez "unha das principais motivacións e un dos grandes obstáculos para as mulleres autónomas", con independencia da idade, da formación ou do modelo empresarial.

Para mellorar precisamente as condicións de conciliación das mulleres con vocación emprendedora, a titular de Igualdade anunciou esta mañá na Coruña que a convocatoria de axudas do programa EMEGA en 2012 estará vencellada ao apoio á conciliación, para aquelas mulleres en situación de desemprego ou inactividade que decidan crear o seu propio posto de traballo ou constituir microempresas ou pequenas empresas.

Susana López Abella asegurou que as medidas de fomento ás iniciativas empresariais promovidas por mulleres "son eficaces para a xeración de emprego e a corrección dos desequilibrios reducindo a taxa de paro feminino". En Galicia hai 92.047 mulleres autónomas.