Mulleres e homes inmigrantes reciben formación en igualdade e prevención da violencia de xénero

A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, o subdirector xeral de Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, e o presidente da Asociación de Centros Homologados, Francisco Nóvoa Rodríguez, clausuraron hoxe o programa de formación, información e sensibilización no ámbito da violencia de xénero dirixido á poboación inmigrante residente en Galicia.

Multimedia

Este programa, que leva o nome de "Galicia acolle en igualdade", foi o resultado do convenio de colaboración asinado, o pasado 3 de novembro, entre a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría xeral de Emigración e a Asociación de Centros Homologados, para traballar conxuntamente en dar a coñecer á comunidade inmigrante a lexislación vixente, os recursos sociais existentes e os lugares a onde acudir no caso de seren vítimas ou coñecedores dun caso de violencia contra as mulleres.

Ao acto asistiron unhas 300 mulleres e homes inmigrantes, moitos deles acompañados dos seus fillos e fillas xa que había servizo de gardería. Na apertura, a secretaria xeral da Igualdade foi rotunda ao afirmar que "non cabe ampararse en razóns de diferenza cultural para manter a submisión e a violencia sobre as mulleres. A violencia de xénero non se ampara nin legal ni socialmente, sexa cal sexa a fonte de orixe, aínda que sexa unha orixe cultural".

Despois falou da dificultade que teñen as mulleres inmigrantes que son vítimas de violencia de xénero, e indicou que dende a Xunta de Galicia se lles quere prestar especial atención xa que están nunha situación de "dobre discriminación e polo tanto requiren un esforzo adicional na superación dos obstáculos sociais e culturais que repercuten na súa calidade de vida".

Marta González lembrou que en 2009, en España morreron a mans da súas parellas ou ex parellas 51 mulleres, 18 eran estranxeiras, e 22 dos asasinos eran inmigrantes. No ano anterior, das 76 mulleres asasinadas, 36 eran estranxeiras (47,37%), e 31 agresores estranxeiros. En Galicia, das 4 vítimas mortais no que va de ano, 2 eran estranxeiras como o eran 3 dos asasinos.

A mellor forma da acabar con estas cifras, indicou, é dar as vítimas formación, sensibilización e concienciación, mediante actividades como o programa que hoxe se clausurou, e tamén é preciso darlle atención, asesoramento e axudas que lles permitan reforzar os seus dereitos, xa que non podemos esquecer que "a condición de irregularidade" na que viven moitas, ten impacto sobre súas decisións.

Pero tamén, sinalou a secretaria xeral, "nos, como sociedade, temos que lograr romper cunha serie de estereotipos ou prexuízos", como os que identifican de xeito fácil e arbitrario inmigración con violencia de xénero ou intrafamiliar.

Marta González quixo deixar unha mensaxe optimista e lembrou que "as cousas están mudando, e un maior número de denuncias supón que cada vez hai máis mulleres que deciden romper a atadura da violencia. E son elas as que realmente, sen sabelo, están iniciando un cambio cultural, posto que descobren, en contacto coa nosa realidade social e xurídica, unha redefinición do papel da muller que lles permite alcanzar unha maior liberdade nas súas vidas".

Pola súa parte, o subdirector xeral de Inmigración e retorno, Antonio Aguarón, tamén aludiu "á dobre discriminación que sofre a muller inmigrante, que en ocasións se ve sometida a situacións de violencia física e psicolóxica por parte da súa parella e non sabe onde nin a quen acudir para afrontar dita situación".

Así mesmo, sinalou como "os e as profesionais que traballan no ámbito dos servizos sociais e da inmigración deben dar a coñecer a lexislación e os recursos existentes para combater e facer fronte á violencia de xénero", subliñando "a importancia das accións de sensibilización para actuar, sobre todo, con carácter preventivo".

Respecto ás particularidades da violencia de xénero que se poden dar nos procesos migratorios, Aguarón afirmou como "existen situacións en que as  mulleres -especialmente inmigrantes - son vítimas de violencia de xénero en contextos en que carecen de redes sociais de apoio e descoñecen os recursos existentes, e por ese motivo hai que prestarlles un apoio adicional para saír desta situación".

Galicia acolle en Igualdade

Na iniciativa "Galicia acolle en igualdade", téñense impartido obradoiros en distintas localidades das catro provincias, concretamente en: Ourense, Verín, Xinzo de Limia, Vigo, Pontevedra, Mos, Marín, Lugo, Viveiro, Ferrol, Culleredo (Consorcio de As Mariñas), A Coruña e Narón. O obxectivo destas accións formativas, sobre o terreo, era pór ó alcance da poboación inmigrante en Galicia os recursos sociais necesarios fronte a violencia de xénero. Tratábase de que as persoas chegadas doutros países coñeceran a lexislación vixente, os dereitos que as amparan, pero tamén, en clave práctica, os lugares ós que acudir en caso de ser vítimas, ou coñecedoras, dun caso de malos tratos.

As e os asistentes ós obradoiros, preto de trescentas persoas, recibiron nocións sobre o concepto de violencia de xénero, os recursos na comunidade autónoma galega nesta materia, os servizos de asistencia a mulleres vítimas de agresións e, máis en concreto, os dereitos específicos das mulleres inmigrantes que padecen violencia de xénero.

Para tal fin organizáronse os obradoiros mais tamén se editaron materiais informativos, como guías de recursos e dípticos, difundidos en galego e castelán pero tamén en francés, árabe e romanés, para conseguir romper as barreiras idiomáticas que, en ocasións, impiden a estas persoas solicitar axuda.

Despois de varias semanas de formación, o punto final a esta acción formativa foi a xornada de hoxe sobre mulleres e inmigración na que se abordaron temas de interese e na que as propias protagonistas tiveron a oportunidade de tomar a palabra para dar a súa opinión sobre o programa e reclamar atención sobre diferentes problemas que aquexan aos colectivos de poboación inmigrante.

Ao acto asistiron representantes da Xunta e da Asociación de Centros Homologados así como expertos e expertas en integración e mulleres inmigrantes que compartirán coas asistentes a súa experiencia. A conferencia inaugural foi impartida por Mar Lorenzo, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, quen presentou os resultados dun recente traballo de investigación sobre a integración das mulleres e das familias inmigrantes en Galicia. Foi unha sesión participativa, que tiña como obxectivo pór en común os conceptos aprendidos e compartir experiencias. A música das caboverdianas residentes en Burela Batuko Tabanka serviu para rematar de forma lúdica as xornadas.

Colectivo: