A mostra “As primeiras xornalistas” chega á Delegación da Xunta en Vigo para lembrar ás pioneiras da loita pola equidade laboral

Organizada polo Executivo galego, rende tributo a mulleres pioneiras do xornalismo e da escritura como o foron Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, María Luz Morales, Virginia Felicia ou Sofía Casanova

Tras percorrer as catro provincias galegas, dado o seu éxito, a mostra reiniciará de novo o seu percorrido polas bibliotecas de xestión autonómica

Multimedia

A mostra “As primeiras xornalistas” chega á Delegación da Xunta en Vigo para lembrar ás pioneiras da loita pola equidade laboral
Vigo, 10 de maio de 2021.-

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de maio a exposición “As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia”. Unha mostra que achega de maneira visual e didáctica ao público a traxectoria de escritoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia.

“Un merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre mulleres e homes”, tal e como indicou a delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, nunha exposición que, dixo, “pon o foco nas mulleres que durante moito tempo foron silenciadas e invisibilizadas”.

Xornalistas, escritoras, mulleres comprometidas de varias xeracións que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, na súa voz e na súa capacidade de comunicar.

A mostra, organizada pola Xunta, está estruturada por un conxunto de paneis que dan conta das vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

As protagonistas

Nesta mirada desde a historia hai espazo para doce galegas destacadas. Así se recollen as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como Concepción Arenal ou Mª Luz Morales, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais á cullerdense Sofía Casanova, correspondente de guerra, e a Virginia Felicia, coñecida como A raíña do folletín. Completan o elenco de homenaxeadas nesta exposición as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos das súas traxectorias, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

Tras percorrer as catro provincias galegas, dado o seu éxito, a mostra reiniciará de novo o seu percorrido polas bibliotecas de xestión autonómica lugar de encontro entre os máis novos e os máis maiores.

Tema: